Skip to main content
Spotify for Podcasters
As Womansplainers

As Womansplainers

By As Womansplainers

Señoras explicando cousas desde 2021. O podcast coas señoras que máis forte opinan do Podgalego.
Available on
Google Podcasts Logo
Pocket Casts Logo
RadioPublic Logo
Spotify Logo
Currently playing episode

S03E22 - Intelixencia Artificial

As WomansplainersMay 18, 2023

00:00
01:10:08
S03E22 - Intelixencia Artificial

S03E22 - Intelixencia Artificial

No episodio desta semana acompáñanos a Aida, enxeñeira informática especializada en computación e investigadora de novas tecnoloxías de realidade extendida.

A presenza das mulleres no ámbito da tecnoloxía e da enxeñería continúa a ser moi escasa. A pesar disto, contamos con varias referentes no mundo da informática que realizaron importantes achegas que nos gustaría dar a coñecer.

Por outra banda, Aida explícanos "for dummies" que son as intelixencias artificiais (IA) e que tipos de IA existen.

A aparición das IA supuxo un importante avance tecnolóxico que nos facilita a vida e que xa está presente en moitos ámbitos de uso diario: asistentes virtuais, redes sociais, coches autónomos, ciberseguridade...

Mais cales son os perigos do mal uso das IA? Falamos dos nesgos á hora da súa programación, dos "deep fake", de arte roubada, de estudantes que copian (mal) e de cara a onde debería dirixirse a lexislación nestes asuntos.

Se queredes coñecer máis detalles sobre este tema, acompañádenos no episodio desta semana da man da intelixencia natural da Aida e as Womansplainers!

May 18, 202301:10:08
S03E21 - Música

S03E21 - Música

No podcast desta semana discutimos con MJ Pérez sobre os desafíos específicos que as mulleres encaran ao ingresar no mundo da música, especialmente num contexto como o galego. Destacamos a desigualdade e a falta de representación feminina na industria e festivais, alén da escasa visibilidade que reciben os proxectos musicais con mulleres. 

Por outra parte, tamén falamos do fenómeno fan e como iso pode afectar a maneira en que as mulleres somos vistas no panorama musical. Existen prexuízos que operan e que fan que as creadoras musicais sexan frecuentemente tomadas pouco en serio ou infantilizadas.

Que medidas habería que adoptar para equilibrarmos isto? Como sempre, non solucionamos o mundo, pero falamos dabondo. Dade ouvidos ao noso programa!

May 05, 202350:21
S03E20 - Bibliotecas

S03E20 - Bibliotecas

Ser bibliotecaria é o traballo soñado de moitas rapazas e por iso convidamos a Cris García, unha "rock-and-roll librarian", a que nos explique algúns segredos da súa profesión.

A nosa convidada contounos que hai que facer para converterse en bibliotecaria, por que a xente segue a visitar as bibliotecas nuns tempos en que moitas persoas xa teñen bastantes libros sen ler na propia casa (ti tamén, non finxas que isto non vai contigo!) ou como cambiou a pandemia a vida nas bibliotecas.

Quen non entrou algunha vez nunha biblioteca porque na rúa facía moito frío ou moita calor? Quen non levou alí as súas crianzas nunha tarde de chuvia? Quen non namorou (ou quen non o intentou polo menos) nunha biblioteca universitaria?

Contacontos, clubes de lectura, os libros preferidos da terceira idade, unha womansplainer que quedou encerrada nunha biblioteca e moitas dicas culturais.

Shhhhhhh... comeza o episodio!

Apr 20, 202301:31:51
S03E19 - Series (II)

S03E19 - Series (II)

E falando de series, non iamos quedar sen opinar sobre as do país. Fará algún día a TVG novas series que non teñan que ver coa Garda Civil?!
A pesar da tendencia actual, series con temas totalmente diferentes que marcaron a toda unha xeración de galegas, pouco teñen que ver con esta temática. Por outra banda, que acontece coas series españolas e que dinámicas son as que seguen de xeito habitual?
Aínda que houbo avances moitas das series de moda non pasarían o test de Bechdel. Cambiaron nas series o tipo de papeis con protagonistas femininas? Que ocorre coa diversidade e a inclusión?
Para rematar, compartimos convosco as recomendacións das nosas series favoritas. Toma nota!
Apr 09, 202346:53
S03E18 - Series

S03E18 - Series

O xeito no que vemos as series cambiou moito nos últimos anos. De ter que agardar impacientemente a que saíse o novo capítulo semanal da nosa serie favorita, pasamos a poder facer maratóns de tempadas ou mesmo series completas nun só día. Como cambiou a forma de narrar a consecuencia disto? Significa máis oferta mellor calidade? Implica que rematou a Idade de Ouro da Ficción Televisiva?
As redes sociais tamén trouxeron con elas un novo xeito de ver series en común, creando comunidade arredor delas. Corremos o risco de ler algún spoiler, pero tamén podemos comentar a nosa serie favorita con outras fans.
Coa gran cantidade de plataformas de series dispoñibles na actualiade semellaba que xa estaba todo inventado. Porén, a polémica está servida: causarán os aumentos de prezos de certa plataforma o novo auxe da piratería? Que opinamos sobre isto?
Non perdas o novo episodio (dobre!) das Womansplainers, a vosa serie de referencia onde as señoras opinamos de cousas.
Apr 06, 202301:03:40
S03E17 - Haters

S03E17 - Haters

No episodio desta semana falamos con Malva sobre o fenómeno hater. Tentamos analizar os comportamentos desas persoas que espallan odio e negatividade nas redes, pondo todo en contexto e discutindo sobre se este é un fenómeno novo.
Son os haters un marcador de éxito ou isto só axuda a crear máis toxicidade en redes? Fomos nós esa hater algunha vez?
Este programa contén dicas culturais e tamén un decálogo de supervivencia.
Mar 23, 202301:27:47
S03E16 - #8M Celebración?

S03E16 - #8M Celebración?

É o #8M un día de protesta ou de celebración? Pode ser as dúas cousas?
6 anos despois da primeira folga xeral laboral feminista e tres anos despois de que a dereita acusase o 8M de provocar unha pandemia no Estado español, as Womansplainers repasamos as actividades ao redor do Día Internacional da Muller Traballadora.
Batukadas e gaitas, manifestantes transexcluíntes e a Santa Compaña das defuntas célebres son algunhas das cousas que nos amolan no mes de marzo. Tamén hai institucións que o fan ben e temos, naturalmente, algúns consellos sobre o que poden (non) facer o 8M os señoros en vías de rehabilitación.
Mar 08, 202301:19:22
S03E15 - Heroes

S03E15 - Heroes

Que é un heroe? É diferente o concepto do heroe clásico do que temos na actualidade? Están a desaparecer os heroes?

Semella que na cultura galega carecemos destas figuras na súa definición clásica, pode que substituídas pola abundante presencia de mártires. A que se debe isto?

No episodio desta semana, acompañadas pola Rita, falamos tamén dos nosos heroes favoritos e das súas historias. Cales son os teus?

Finalmente, como é habitual, ofrecémosvos as nosas discas culturais preferidas.

As túas heroínas podcasteiras agardámoste!

Feb 23, 202301:45:01
S03E14 - A idade baixo sospeita (II)

S03E14 - A idade baixo sospeita (II)

Erraba Castelao afirmando que "Os vellos non deben de namorarse"? Por que ofende tanto que Madonna queira ensinar as tetas ou que as teña ou non operadas? Na segunda parte de A IDADE BAIXO SOSPEITA seguimos a discutir con Teresa Moure o rexeitamento que producen o erotismo e o desexo das persoas máis vellas e das máis novas, a sospeita permanente que sofren as relacións de parella con asimetrías de idade e as mecánicas incel en que caemos as propias mulleres cando sentimos que deixamos de ser percibidas como desexábeis. 

Tamén tematizamos a desigualdade do reparto da riqueza por grupos de idade e da discriminación etaria no ámbito laboral, tanto ao entrarmos no mercado e sermos novos de máis, como ao termos unha carreira máis longa e sermos percibidos como "sobrantes".

Todos estes temas e unha chea de dicas culturais, como cada semana, nas Womansplainers!

Feb 12, 202357:60
S03E13 - A idade baixo sospeita (I)

S03E13 - A idade baixo sospeita (I)

Que é a idade? Que significa e por que hai a quen lle importa tanto? Esta semana discutimos estas preguntas coa lingüista e escritora Teresa Moure co gallo da publicación do seu novo libro "La edad bajo sospecha. Una crítica al edadismo y a las edadofobias". 

Poñemos o foco tamén sobre os termos que empregamos para referirnos ás persoas segundo a etapa da vida en que se encontran e sobre a propia necesidade de marcamos límites para definir esas etapas. Ilustramos as diferenzas entre idade biolóxica e idade sentida e desabrochamos os corsés de todas as cousas que se consideran acaídas para unha idade ou outra. 

Para as revellas, para os Peter Pans, para as que beberon da fonte da eterna xuventude - velaquí un novo episodio das Womansplainers!

Feb 09, 202356:21
S03E12 - Cabelo

S03E12 - Cabelo

Neste episodio falamos sobre o cabelo entrecruzando este concepto con asuntos históricos e sociais. Nós sabemos que o cabelo non é só un adorno: é unha forma de expresión, de identidade e, ás veces, de autoestima.

A sociedade aínda impón padróns ríxidos de beleza, especialmente para as mulleres racializadas e outras comunidades marxinalizadas. Xunto coa Paula Jorge exploraremos o poder por tras dos nosos cabelos.

Feb 02, 202301:24:01
S03E11 - Sociolingüística

S03E11 - Sociolingüística

As tías chulísimas podemos falar do que queiramos (con gheada ou sen ela) e por iso neste episodio, acompañadas da Vera, escollemos un tema que xera amor e odio a partes iguais: a sociolingüística.

Realmente evoluciona o idioma da man das falantes? As instiucións académicas chegan sempre tarde aos cambios lingüísticos xa presentes na sociedade? Ten utilidade o concepto de neofalante? Onde está a fina liña que separa o prescriptivismo e a corrección lingüística? Como tratan os programas de moda este problema?

Para escoitardes as nosas opinións fortes sobre todo isto e máis acompáñanos neste novo episodio das Womansplainers!

Jan 26, 202301:25:37
S03E10 - Casas

S03E10 - Casas

Como viviamos e como vivimos hoxe? Por que cambiaron tanto as nosas vivendas e por que idealizamos a casa tradicional galega? De que falamos cando falamos de feísmo?

Acompañadas pola arquitecta María Novas repasamos as mudanzas nas vivendas, a desaparición das cociñas como corazón da casa onde se vive en comunidade, a aparición dos estudios e dos "tiny homes". Tamén despachamos a gusto contra os erros de deseño e as modas que menos nos gustan nas vivendas actuais: baños sen bidé, illas de cociña, pisos de "concepto aberto"... Pasade, señoras: a nosa casa é a vosa casa!

Jan 19, 202301:38:03
S03E09 - Fin de ano

S03E09 - Fin de ano

Neste episodio falamos coa psicóloga e educadora Hadriana Ordóñez sobre a festa de Fin de Ano.

O dia 31 de decembro é unha data que case nos obriga a facer balances, sair de festa, ter boa disposición e plans para o ano seguinte. Pero… e se algún deses ingredientes falta?

Comentamos a nosa maneira de vivir e enfocar esta festividade con algún conselliño cultural polo medio. Podes oír o episodio entre brilli-brilli ou de chándal. Ti decides!

Dec 29, 202201:33:57
S03E08 - Agasallos

S03E08 - Agasallos

Por que facemos presentes? Que nos move a facelos e que sentimos ao recibilos? 

Como podemos compatibilizar a ilusión das crianzas cunha moderación no consumismo nestas datas? Que consecuencias teñen as historias tradicionais de agasallos só para as crianzas que sexan guiadiñas? 

Seguimos facendo agasallos "con xénero"?

Que acontece cando non gusta un presente? Como reaccionamos ou que  

podemos facer con el? Cales foron os agasallos máis desexados ou máis ilusionantes da nosa infancia?

De todo isto falamos con Elisa Casal, coñecida polas súas gorentosas receitas do blogue Kukinhas.

Dec 22, 202201:33:60
S03E07 - Teorías da conspiración
Dec 08, 202201:13:22
S03E06 - Soidade

S03E06 - Soidade

Oímos as vosas preces e neste episodio tratamos o tema da soidade, tanto daquela escollida que é pracerosa, como daquela outra imposta que impacta na saúde mental de tantas persoas.
Debemos ter medo da soidade? Pode ser ela unha vantaxe? Como lidamos con algunhas das dificultades a ela asociadas?
Escoitade este programa que fixemos con Alva Pico. Pode facervos compañía e levarvos a un lugar aconchegante.
Dec 01, 202201:11:42
S03E05 - Influencers

S03E05 - Influencers

No episodio desta tarde volve a marabillosa Iris Gestoso para explicarnos as INFLUENCERS. 💁🏼‍♀️📱

Quen merece este nome?
Cantos cartos moven ao ano?
Son falabaratos ou hai traballo detrás deses cartos?
Cal é a fórmula do seu éxito?
Que prezo persoal teñen que pagar?
Nov 24, 202201:16:13
S03E04 - Outono

S03E04 - Outono

A astronomía di que levamos tempo xa no outono aínda que a meteoroloxía cada día mande menos pistas sobre os cambios de estación. Tradicións, lembranzas e dicas, damos a benvida ao tempo do outono na casa das Womansplainers e na túa se queres acompañarnos.

Nov 17, 202201:11:38
S03E03 - Raiñas

S03E03 - Raiñas

Quen se coroou a si mesma cun tocado de froitas tropicais e foi a primeira muller en ter unha estrela no paseo da fama? Quen foi a primeira persoa en facerse chamar "the queen of drag"? Que señora toleou o París dos tempos do Rei Sol coas súas dotes de espadachina?
Neste novo episodio, as Womansplainers, acompañadas unha vez máis por Marta Veiga Izaguirre, falamos de RAÍÑAS de todos os tempos e clases sociais, reais e imaxinarias, vivas e mortas, nacidas na nobreza e na escravitude, que reinaron na noite e no papel de colorinchos.
Nov 10, 202201:35:60
S03E02 - Sono

S03E02 - Sono

Esta semana non foi normal. Publicamos algo máis tarde, temos un texto máis breve... Era de agardar, venceunos o sono! 

Palabra chave: #sestinder

Oct 27, 202201:06:22
S03E01 - Amigas 👩🏾‍🤝‍👩🏻

S03E01 - Amigas 👩🏾‍🤝‍👩🏻

Por que precisamos amigas? É verdade que é máis difícil facermos novas amizades na vida adulta? Como mudaron a pandemia e as redes sociais as nosas maneiras de coñecer persoas e de coidar das vellas amigas? Sabemos identificar os sinais dunha amizade tóxica?

Oct 20, 202201:43:32
S02E39 - C🥯O🦪N🌺A🐚S

S02E39 - C🥯O🦪N🌺A🐚S

Non sabemos se este foi un episodio íntimo (non debeu ser, porque foi un directo de Twitch) pero sí podemos afirmar que falamos dunha zona íntima. A cona é ese tema que até para quen escribe esta breve nota lle dá un certo pudor dactilografar, pero un final de temporada merece un asunto suculento e a verdade é que este levaba tempo a pairar. A actriz e comunicadora Neves Rodríguez e a xa coñecida divulgadora Laura Veiga axudaron a encher de contido e pareceres este programa. Como temos sempre unha visión didáctica e a nosa galeguidade é innegábel, comezamos o programa falando de marcos: onde comeza a cona e onde acaba? Que elementos forman parte dela? A seguir, vén unha revisión do uso deste concepto por parte dun certo feminismo. Por unha banda porque non concordamos no feito de nos vermos reducidas á nosa xenitalia ou que iso nos defina como mulleres; por outra, porque dentro do discurso galego iso parece fomentar a idea de que a nosa lingua só ten un único rexistro válido: o coloquial. O imaxinario colectivo fixo aparecer este órgano sexual nas cantigas medievais, en ditados populares, en boca de señoras que cantan no Luar ou até en figuras pétreas, quer sexa en igrexas, quer en gravuras rupestres. Analizamos todo este legado desde a nosa perspectiva, sen preterirmos tabús. Chegando case ao final, dedicamos parte do tempo a examinarmos os asuntos da estética e da hixiene denunciando todas as exixencias que a sociedade nos impón. Os últimos minutos tiñan que ser para un abrazo apertadiño, un deses que valen para devolver todo o cariño que recibimos durante estas temporadas. Dous brazos que se abren para recordar a todas as nosas colaboradoras, seguidoras e persoas que nos apoian. Continuamos despois do verán nas plataformas habituais e co patrocinio de Punto.gal
Jul 04, 202201:45:26
S02E38 - Liberdade de expresión 🗣

S02E38 - Liberdade de expresión 🗣

No episodio desta semana, patrocinado por PuntoGal, veu falar connosco a xornalista e deputada lucense Olalla Rodil.

E que mellor sitio que un podcast onde opinamos forte para falar sobre a liberdade de expresión? Definimos este concepto e falamos de cales son os seus límites. Como lle afecta a lexislación dos delitos de odio? Como cremos que se respeta a liberdade de expresión no estado español na comparativa con outros países? O auxe das redes sociais supuxo a aparición de novos elementos tanto perxudiciais coma beneficiosos para a liberdade de expresión. Como se pode actuar perante a aparición de bots que condicionan as nosas reaccións cos seus chíos? Como se frean os delitos cibernéticos realizados a través de contas anónimas e que criterio segue o algoritmo para suspender unhas contas e non outras? Por último, tratamos o tema da autocensura. Que dis e que non dis cando es unha figura pública? Como afectan as túas opinións á túa vida persoal? 

Todo isto e máis no episodio desta semana, coma sempre, sen censura!

Jun 16, 202201:19:03
S02E37 - Gordofobia 2 🤰

S02E37 - Gordofobia 2 🤰

Neste novo episodio co patrocinio de PuntoGal, contamos de novo coa presenza de Esther para seguir afondando nas manifestacións da gordofobia en diferentes eidos da sociedade e dos medios de comunicación. Revisamos os papeis e os tropos en que se ven encerradas as persoas gordas: case nunca protagonistas e poucas veces antagonistas, con frecuencia vense reducidas a seren o alivio cómico en historias máis dramáticas ou a amiga coitada e sen interese sexual nas historias románticas con protagonistas delgadas. Aos produtos audiovisuais clásicos, como os filmes e as series, súmanse agora -e con moito menos control- o Instagram e o TikTok cun exército de influencers dispostas a propor calquera desafío de adelgazamento co obxectivo de se faceren virais. Analizamos con estes exemplos os dobres raseiros que fan que as condutas que consideramos intuitivamente aberrantes en persoas con normopeso sexan aplaudidas en persoas con sobrepeso ou obesidade, poñendo a saúde física e mental por detrás do éxito social a través do aspecto. Tamén analizamos o paternalismo coas persoas gordas, que se manifesta tanto no trato cara a elas como na estigmatización de termos “gorda” e “gordura” e na necesidade de substituílas por eufemismos, tanto na nosa fala cotiá como na publicidade. Por último, propoñémosvos coma sempre algúns produtos culturais feitos por mulleres gordas e gostosas para o pracer de todas!
Jun 09, 202256:31
S02E36 - Gordofobia🤰🏻

S02E36 - Gordofobia🤰🏻

Falamos algunha vez no podcast de que a forma en como a sociedade nos ve repercute directamente na nosa propiocepción. E se a sociedade actual ten unha fobia á gordura esta aversión impacta no concepto que unha persoa gorda ten de si mesma, obviamente. Esta semana contamos co testemuño de Esther, que xa estivo connosco no episodio dos Casamentos. Falounos desde unha perspectiva vital, mais tamén contando co saber da súa profesión como médica. Sendo así, comezamos por cuestións técnicas e nominais: o que é ser unha persoa gorda? Analizamos entón referencias e medicións. Disto pasamos á relación que as persoas con sobrepeso teñen co exercicio físico e a alimentación. A gordofobia fainos asumir que os corpos gordos existen por desleixo e non porque na natureza haxa unha variedade de formas. Isto implica que a fotografía dunha persoa gorda a comer sexa moi castigada socialmente ou que o trato que reciban nunha consulta médica rotineira pase só por consellos para adelgazar. Ímosvos dar un dato: as persoas de tamaño plus size tamén necesitan vestirse. A odisea de encontrar algo a bo prezo e que se axuste a varios gustos é un feito. Estes produtos tamén necesitan modelos e, as máis das veces, eses corpos están condicionados aos mesmos padróns esixidos na delgadez: ventres planos, cintura estreita e gordura só en lugares estratéxicos. Que haxa corpos diferentes en campañas publicitarias é un fomento á obesidade? Isto dá pano para mangas. Prometemos unha segunda parte sobre o mesmo tema, porque aínda hai puntos por tratar. O que non faltou foi o do noso patrocinador Punto.gal.
Jun 02, 202201:00:48
S02E35 - Visibilidade 🙋🏿‍♀️

S02E35 - Visibilidade 🙋🏿‍♀️

No episodio desta semana, patrocinado coma sempre por PuntoGal, acompáñanos a tiktoker burelá Paula Jorge para falar sobre a representación de persoas racializadas nos medios de comunicación. Afortunadamente, semella que pouco a pouco a presenza de persoas racializadas nas redes sociais vai aumentando de xeito progresivo. Porén, a representación de influencers negras no mundo da maquillaxe aínda é escaso e comprobamos que a industria da beleza esqueceu durante anos fabricar produtos para persoas con pel escura ou para cabelos afro. Paula tamén nos expuxo a súa experiencia vital como persoa negra galega e que fala galego. Sorprenderíavos coñecer a cantidade de veces que tivo que explicar a súa árbore xenealóxica cando lle preguntaron de onde era ou todas as ocasións na que gabaron o seu excelente galego ao presupoñérena estranxeira. Ademais, tamén nos falou de cales foron as súas referentes cando era nena e das que poderían selo na actualidade. Por último, abrimos o melón da representación de persoas racializadas na televisión, nas series e nos filmes. Cales son os papeis que tipicamente se lles ofrece ás actrices e actores negros? Séguese a tirar de clixés, limitando a traxectoria destas profesionais só pola súa cor de pel? Agocha un tinte racista escudarse no rigor histórico para queixarse da presenza de elenco racializado en determinados papeis de series ambientadas noutras épocas da historia? Resolvemos estas e outras moitas cuestións neste episodio sobre representación. Agardamos que o disfrutedes!
May 26, 202201:01:19
S02E34 - Lingua👅

S02E34 - Lingua👅

As Womansplainers somos laretas, lingoreteiras, bilingües, políglotas, filólogas, diglósicas e cunilingüistas. Por todos estes motivos non podiamos deixar pasar o Día das Letras sen facermos un episodio especial sobre #OdoGalego. Na compaña da xornalista do Diario de Pontevedra Chus Gómez Dorrego, discutimos algúns dos temas máis quentes da nosa lingua e volvemos sobre algunhas teimas clásicas arredor dela: Por que dá tanto medo o NH? Podería o binormativismo ser verdadeiramente harmónico nunha situación de desvantaxe institucional como a presente? É o reintegracionismo só unha opción ortográfica? A nosa profesora de portugués residente, a Saboridinha, explícanos estes temas e aproveitamos para recomendar o seu blog a todas as lusópatas. Da man de Chus, revisamos a situación do galego nos medios, a polémica ao redor das subvencións e da porcentaxe de artigos na nosa lingua, o porqué de traduciren ao castelán as declaracións dunhas entrevistas e non doutras ou de aceptaren o galego para o tratamento de determinados temas como os culturais ou festivos, mais non aqueles que se perciben como máis serios. No sector público a lingua debería gozar de maior saúde, mais non é precisamente no mundo da saúde onde a nosa lingua está máis sá, segundo nos explica a Sara, que analiza o clasismo no emprego do galego entre o persoal da Sanidade. No que toca a Educación, as escolas, especialmente as infantís, teñen un peso na desgaleguización que non se pode ignorar. Na educación mallan tamén a Malvada Profe e a Carme, que critican como e que se esina nas materias de Lingua e Literatura Galega e que avalían en realidade os famosos exames CELGA. Falade moito galego e, se non tedes con quen, escoitádenos a nós neste novo episodio que vos trae o patrocinio de Puntogal.

May 16, 202201:16:02
S02E33 - Rexouba eurovisiva🎤

S02E33 - Rexouba eurovisiva🎤

Good Evening, Europe! It's Podgalego calling! Algunhas womansplainers somos máis eurovisivas ca outras, pero ao final -e á final- non se soubo resistir ningunha. Sen podermos animar as representantes que queriamos para o país, tiñamos diferentes favoritas. Quen nos salvou de caermos durmidas entre tanta baladona? Quen defendeu ben a proposta de folclore do s. XXI? Con quen gozou máis o noso lado mamarracho? Neste podcast sabemos ben que o persoal é político -e o musical tamén. E é tan malo que o sexa? Escoita este novo episodio express co patrocinio de Puntogal.
May 15, 202236:47
S02E32 - Fútbol ⚽️
May 12, 202201:30:53
S02E31 - Pracer 👄

S02E31 - Pracer 👄

Na segunda parte deste dobre episodio coa psicóloga e educadora sexual Hadriana Ordóñez, as Womansplainers seguimos a explorar os interrogantes do pracer. Máis de dous milenios de xudeocristianismo impuxeron en nós fortes dicotomías respecto do noso propio pracer: De quen queremos ser, da Eva ou da Lilith? O noso desexo e as nosas necesidades desconcertaron os homes desde entón até o punto de seren medicalizados baixo o paraugas da histeria. Mais non só cousas malas sairon desa diagnose, senón tamén os primeiros vibradores! Outro elemento de emancipación do noso pracer foi poder controlar e evitar a concepción. No entanto, dase o paradoxo de que as mesmas pílulas que nos liberan tamén nos tiran o desexo -só un dos seus moitos efectos secundarios. Non é o único motivo que o fai desaparecer, pois tamén coa idade vai diminuíndo- e non poderá ser iso tamén finalmente unha liberación? Pois en conclusión, o que non debe ser nunca o pracer sexual é obrigatorio. Esa idealización só provoca frustración en moitas parellas convencidas dunha imaxe do amor romántico en que unha parella que se ama moito tamén ten, en consecuencia, moito sexo e moito pracer, materializado finalmente en moitos orgasmos. Alén disto, a obrigatoriedade do pracer, ademais dunha contraditio in terminis, non deixa de alimentar a incomprensión polas persoas asexuais, quizais a parte máis invisíbel e incomprendida do colectivo LGBTQ+. Esperamos que escoitardes este novo episodio que vos trae o patrocinio de Puntogal sexa tamén para vós un pequeno pracer!

May 05, 202201:27:33
S02E30 - Desexo 🥵

S02E30 - Desexo 🥵

Esta semana falamos de pracer e desexo coa Hadriana Ordóñez, womansplainer rianxeira e convidada repetidora que traballa como psicóloga e educadora sexual. Comecemos polo principio: Como recoñecemos o noso propio desexo? Onde aprendemos a identificar a nosa excitación sexual? Este tipo de dúbidas acostuman xurdir na adolescencia e semella que, coma en tantos outros aspectos da vida, adoita haber tamén neste tema unha importante fenda de xénero. Consentimento, desexo e pracer son termos que en ocasións se utilizan indistintamente de xeito erróneo. Aínda que de xeito ideal deberían ir sempre da man, é importante coñecer os matices do seu significado. Que diferenzas hai entre o pracer psicolóxico e o físico? Pode haber consentimento sen desexo? O relato feminista tivo un papel moi relevante na liberación sexual das mulleres. Ademais, é fundamental falar dos límites do consentimento e dos sinais para sabermos recoñecer a violencia sexual, mais tamén precisamos coñecer máis relatos positivos e experiencias de pracer. En relación co anterior, ás veces podemos ter fantasías sexuais que nos fan sentir culpables por non encaixaren cos nosos valores feministas. Porén, a nosa imaxinación non ten límites e na nosa mente todo pode suceder! Consenso, consentimento e coidados son os piares fundamentais dunha sexualidade ética que nos libere das cadeas impostas polos prexuízos. Como deste tema tiñamos moito que falar ides ter ración dobre! Así que, se quedastes con ganas de máis pracer e desexo, a próxima semana poderedes escoitar a segunda parte deste episodio co patrocinio de PuntoGal.
Apr 28, 202201:09:41
S02E29 - Lecer postpandémico🏠🎮🎯🎫
Apr 21, 202201:09:54
S02E28 - Viaxe de volta🗺️

S02E28 - Viaxe de volta🗺️

Esta semana continuamos a nosa travesía co patrocinio de PuntoGal na compaña da Cris Terceiro de Viaxantas. Que seremos desta volta, turistas ou viaxeiras? Realmente hai algunha diferenza entre estes dous termos ou é pretensioso pensar que cando viaxamos somos diferentes da imaxe estereotipada de turista que habita no noso imaxinario colectivo? Tanto a idea de viaxeira como a de turista cambiaron ao longo da historia. Na actualidade, os traxectos que realizamos para chegar ao noso destino non adoitan ser concibidos como parte da viaxe en si mesma, senón simplemente coma un medio para acadar un fin. Porén, hai unhas cantas décadas viaxar era un luxo dispoñible para moi poucas persoas, as estancias eran moito máis longas para amortizar o gasto do propio transporte e o itinerario era unha parte enriquecedora da viaxe. Ademais, existe un importante salto xeracional en canto á percepción que se ten das viaxes: unhas simples vacacións ou un investimento para o o futuro? Agora que podemos viaxar con maior facilidade seremos máis difíciles de impresionar? Esmorecería esa maxia de atopar algo novo, único e sorprendente en cada lugar que visitamos despois de ter visto outros moitos anteriormente? O dito popular afirma que se pode curar a idiotice mediante as viaxes e a lectura, pero nada máis lonxe da realidade. Podes ir a un lugar e que ese lugar non pase por ti, porque non entendas nada do que ves, por descoñecemento da lingua e da cultura, e mesmo porque os teus propios prexuízos non che permitan interpretar de xeito correcto outras realidades. Por último, reflexionamos sobre o impacto que teñen as nosas viaxes sobre os lugares que visitamos e sobre nós mesmas: falamos de xentifricación, aumento de prezos, cambios nos modelos económicos, danos no patrimonio, saúde mental, desconexión e fuxida do cotiá. E por suposto, non podíamos rematar esta travesía sen darvos recomendacións dos nosos destinos favoritas para viaxar. Última parada, non esquezades recoller as vosas pertenzas antes de baixar deste episodio das Womansplainers!
Apr 14, 202201:14:42
S02E27 - Viaxe de ida🧳

S02E27 - Viaxe de ida🧳

Emigrantes, turistas, excursionistas, domingueiras, peregrinas, viaxantas... hai moitas maneiras de marcharmos e de coñecermos o mundo, pero nós facémolo esta semana cunha guía excepcional: Cris Terceiro, a voz do podcast Viaxantas, que nos fala desde Bruxelas. Dúas? Catro? Unha ducia? Cantas mulleres teñen que viaxar xuntas para que non digan que viaxan soas? Semella que, como en cada eido da vida, a nosa maneira de nos mover está en parte condicionada por sermos mulleres. Mais as formas de viaxar mudaron e seguen a mudar cos tempos, determinadas polos novos medios de transporte, polos destinos de moda e mesmo pola imaxe idealizada de certas cidades ou monumentos que nos vende a ficción audiovisual. Ademais, non é o mesmo viaxar con varias maletas e bolsas que lixeiras de equipaxe -e para vos axudar coas equipaxes contamos cos consellos expertos da Saboridinha. E como sometidos ao principio de incerteza de Heisenberg, todos os lugares que visitamos son inevitablemente modificados pola nosa viaxe, o noso aloxamento e incluso os gustos culinarios. Escoitade xa a primeira parte deste episodio dobre patrocinado por PuntoGal.
Apr 07, 202201:04:08
S02E26 – Machos 👨🏻🧔🏻‍♂️
Mar 31, 202201:09:04
S02E25 - Casamentos👰🏼👰🏾

S02E25 - Casamentos👰🏼👰🏾

Nesta semana fixemos reconto de estados civís e, grazas á nosa convidada Esther, o resultado foi de 3/2 con vitoria para as solteiras. Con todo, temos que salientar que se o reconto fose en número de vodas, o marcador sería outro ben diferente. Esther personifica varias mudanzas: casou varias veces, casou en pandemia e até fixo un banquete online. Con este exemplo, podemos ver que a sociedade actual experimenta un abandono do factor ritual en favor dunha esencia máis festiva ou, talvez, até máis práctica. Non debemos esquecer que o vínculo legal facilita moitas outras xestións administrativas para os cónxuxes. Comentamos a escolla de vestidos, como é que se fan os convites, se hoxe teñen ou xa non teñen sentido das «despedidas» ou como é aquilo de sentirse o centro de atención por un día. Na nosa sección de recomendacións temos espazo para filmes, música e até un contacto dunha organizadora de casamentos. Agora só necesitamos unha amiga casada máis para facer un solteiras contra casadas. Ou mellor non, que non somos moito de fútbol. Aínda que ben pensado, patrocinador xa temos: PuntoGal.
Mar 25, 202201:08:43
S02E24 - Non nais🚶🏽‍♀️

S02E24 - Non nais🚶🏽‍♀️

No episodio das Womansplainers desta semana, patrocinado por PuntoGal, acompáñanos a María Sabucedo, amiga womansplainer na diáspora que vén opinar forte connosco sobre «non nais». O 93,5% das mulleres de menos de 30 anos na Galiza non ten fillos. Ademais, as estatísticas tamén amosan que, no noso país, as mulleres teñen menos fillos dos que desexarían. Moitas mulleres que quererían ter unha crianza non teñen ningunha e outras moitas que teñen unha ou dúas gostarían de ter máis. Os motivos que levan as mulleres a non seren nais son moi diversos: non querer, non poder, precariedade laboral ou a dificultade de acceso a tratamentos de fertilidade, entre outros. Por outra banda, a decisión voluntaria das mulleres que non queren ser nais non adoita ser respectada. Moitas, sobre todo chegada certa idade, mesmo son sometidas a presións sociais para teren crianzas. Son infantilizadas e tachadas de egoístas, recibindo comentarios indesexados que, na maioría dos casos, nin sequera teñen en conta a súa situación vital. Por último, conversamos sobre o dó das «non nais» e as mortes perinatais. O tabú presente ao redor deste tema dificulta a realización dun labor sensibilizador ao respecto e favorece as carencias no sistema sanitario que impiden tratalo correctamente. Agardámosvos, coma cada semana, na vosa plataforma dixital favorita!

Mar 17, 202201:19:53
S02E23 - Hixiene 🛀🚿

S02E23 - Hixiene 🛀🚿

O mundo está cada día máis porco e por ese motivo as Womansplainers decidimos que tiñamos que discutir sobre HIXIENE. Na compaña de Laura Veiga, creadora do proxecto multiplataforma Pingando, e co patrocinio de PuntoGal, traémosvos un novo episodio que cheira que arrecende. 

Este é un episodio para racharmos tabús, como o imperativo da ducha cotiá, que pouca xente confesa omitir. É duchármonos decote o que nos distingue dos nosos veciños europeos con sona de menos limpos? Precisamos as adultas, nestes tempos de recibos estratosféricos de auga e de luz, unha ducha diaria? Son bos tanto xabrón e tanta auga para a nosa pel?

A era da pandemia trouxo consigo novos hábitos de hixiene e de hixienización, coas súas inevitábeis fobias e neuroses. Cando e canto sentido ten a desinfección constante de superficies e de mans nos espazos públicos?

Como cada semana, achegámonos ao tema do episodio desde unha perspectiva de xénero: É sabido que as mulleres estamos suxeitas a unhas expectativas de hixiene maiores que as dos homes e que, no noso caso, se fan pasar por hábitos hixiénicos costumes que apenas teñen valor estético. Asimesmo, véndennos como produtos de «hixiene feminina» artículos de drograría pensados para a regra e deseñados desde a óptica de que a menstruación é algo suxo, que debe ser ocultado e disimulado con eufemismos e perfumes. O pracer de se perfumar é outro dos paos que tocamos, porque a colonia pode intentar compensar unha hixiene deficiente ou atacar as pituitarias das veciñas cando a usamos a eito.

Por último, non podedes deixar de acompañarnos na nosa oda e elexía ao bidé, símbolo dunha fenda xeracional e imaxe de postal da hixiene «por parroquias», a hixiene que mellor define o noso territorio!

Mar 10, 202201:13:47
S02E22 - Medos 😱
Mar 03, 202201:17:50
S02E21 - Entroido 👺

S02E21 - Entroido 👺

Chegou o momento da sátira, do humor e de botarlle un pequeno pulso ao poder establecido. Como non podía ser doutro xeito, no episodio desta semana co patrocinio de PuntoGal falamos do Entroido. Ás Womansplainers encántanos disfrazarnos. Aínda non sabemos de que nos vestiremos este ano, pero facemos unha recopilación dos nosos mellores disfraces de todos os tempos.

Debatimos sobre como nestas datas segue a ser habitual atopar homes disfrazados de muller e disfraces pensados para mulleres que non deixan de ser hipersexualizadores. Por outra parte, os Entroidos tradicionais da Galiza existen máis alá do clásico "triángulo máxico". En moitas vilas galegas estanse a realizar importantes traballos de recuperación das celebracións populares desta festividade, sen sufriren a masificación e turistificación que se observa nas festas de entroido máis coñecidas a nivel estatal e internacional.

Se algo caracteriza tamén esta época do ano é a abundante diversidade de pratos típicos da nosa gastronomía. Cales son os vosos favoritos? Para rematar recomendámosvos música, libros e viaxes relacionados coa temática entroideira que podedes desfrutar de xeito especial nestas datas. 

Viva o Entroido!

Feb 24, 202258:48
S02E20 Síndrome da impostora 🎭

S02E20 Síndrome da impostora 🎭

Tripulación: Hai unha impostora entre nós. Serás ti, serei eu, será a nosa convidada Patricia Porto Paderne? Esta semana, as Womansplainers discutimos sobre a síndrome da impostora, mal chamada con frecuencia «síndrome do impostor».
Este mal, que afectaba particularmente a mulleres en posicións de liderado ou con suceso profesional e académico, foi descrito nos anos 70 pola Dra. Pauline Clance, que o identificou coa experiencia psicolóxica de quen teme ser unha fraude intelectual e ser recoñecida como unha impostora. Falamos das nosas propias experiencias, de como e en que circunstancias nos foi infundida esa inseguridade e de persoeiros que teñen falado abertamente de padecela.
Coñecedes tamén a síndrome de Dunning-Kruger, a outra cara da moeda da síndrome da impostora, que afecta principalmente aos homes? Por que a síndrome da impostora afecta desproporcionadamente ás mulleres? E como podemos librarnos dela? Será en verdade unha inseguridade que se cura co tempo? Ou será imprescindíbel deixar de rodearse de cretinos? Axudaravos escoitar este novo episodio das Womansplainers?
Unha semana máis en Luzes, co patrocinio de Puntogal.
Feb 17, 202201:14:41
S02E19 - Womaniversario: MATRIARCAS 🎂
Feb 10, 202201:22:39
S02E18 - Arte🎨🖼
Feb 03, 202201:08:07
S02E17 - Exercicio físico 💪
Jan 27, 202201:16:11
S02E16 - Tindersplaining🔥🔥
Jan 20, 202201:01:29
S02E15 - Universidade (I) 🎓

S02E15 - Universidade (I) 🎓

As Womansplainers inauguramos novo ano coa mellor das noticias, porque a partir de agora contaremos coa colaboración de PuntoGal, o dominio galego en internet. E para abrir o 2022 opinando forte sobre a universidade veu falar connosco a Lucía Casal: cantante, psicopedagoga, docente e investigadora no Campus de Ourense da Universidade de Vigo na área de didáctica da expresión musical.
Debatimos sobre a orientación que recibe o alumnado dos IES cando deciden ir á universidade. Dáselle outras alternativas formativas e laborais, ou o mundo universitario segue a ter un prestixio maior que outras opcións coma a FP?
Por outra parte, a pandemia trouxo consigo grandes cambios para estudantado e profesorado durante o confinamento. Algunhas destas novidades semellan estar aquí para ficar e neste episodio descubrimos como se vive esta situación nas universidades.
Finalmente, debatimos sobre a precariedade dentro desta institución. Nas redes sociais cada vez vemos máis testemuños de persoas que abandonan a investigación debido á inestabilidade laboral existente neste ámbito. Como é a carreira investigadora no noso país e onde se sente esa precariedade?
Jan 13, 202201:19:24
S02E14 - Relacións non convencionais 🤹‍♀️💞

S02E14 - Relacións non convencionais 🤹‍♀️💞

Este primeiro ano de vida das Womansplainers chega á súa fin e despedímolo cun directo de Twitch, que agora podedes escoitar tamén en Anchor, Spotify, iVox e o martes en Cuac FM, na compaña da poeta e cantante Lucía Aldao.

Preguntámonos, en primeiro lugar, que se considera aínda nos nosos días unha relación convencional e como mudou a percepción que temos dela desde os tempos en que o matrimonio canónico era a medida do normal. Cales son as familias convencionais nun país onde máis da metade das crianzas xa nacen fóra do matrimonio? Incluso as ficcións máis comerciais hai lustros que reflicten cada vez máis constelacións familiares, como parellas divorciadas, familias monoparentais, pais e nais LGBT+, parellas con fillos de anteriores relacións, etc.

A pandemia e os sucesivos confinamentos e peches perimetrais tiveron e seguen a ter un impacto contundente e posibelmente duradeiro na nosa maneira de relacionarnos, non só coas nosas parellas, senón tamén coas nosas familias e amizades. Comezan a ser as relacións “a distancia”, propias tradicionalmente no noso país das persoas emigradas, parte integral da vida dunha mocidade que xa non pode compartir decote festas e apertas?

Esa mesma mocidade experimenta máis que nunca na historia recente con novas formas de relacionamento: parellas abertas, relacións poliamorosas, anarquía relacional, swingers. Por que é tamén nesa propia mocidade onde xorden as reaccións máis virulentas contra estas alternativas á monogamia? É por iso que custa máis traballo saír dos armarios relacionais que dos da orientación sexual?

Por último, aproveitamos coma sempre para vos recomendar algunhas lecturas e filmes con relacións non convencionais que nos gustan ou nos inspiran.

Desexámosvos un 2022 cheo de relacións novas ou vellas, pero salvaxemente felices!

Dec 31, 202101:41:38
S02E13: Nadal 🎄

S02E13: Nadal 🎄

Chega o recendo a xenxibre, chocolate e acivro. Luces, música e filmes temáticos. Sorpresas no calendario de advento, entre elas un novo episodio do voso podcast de referencia. 

Nesta semana festiva temos de novo colaboración de Marta Veiga Izaguirre, xornalista, profesora e opinadora en programas anteriores de enorme peso como Tetas ou Transportes. Sabemos que Marta adora o Nadal e o resto das Womansplainers fomos comentando como é a nosa relación con estas festas, coas súas vantaxes e inconvenientes, tendo en conta o desafío que supón vivilas outro ano máis en pandemia.

Dec 23, 202101:33:17
S02E12: Fe 🛐

S02E12: Fe 🛐

No episodio desta semana opinamos sobre fe e relixión, acompañadas pola xornalista e fotógrafa freelance Charo Lopes.
A pesar de que a fe e as crenzas relixiosas poidan parecer cousa de tempos pasados, a realidade é que tan só un 16% da poboación mundial se define como non relixiosa. Semella que a espiritualidade e a relixión forman parte inherente do ser humano, xurdindo ao tempo que nos nosos antepasados nacía a capadidade de abstracción.
Ao longo da historia, a relixión foi motor tanto da paz coma da guerra. Serviu como sistema opresor, pero tamén como vertebradora da realidade e de comunidades diversas. A día de hoxe, aínda que as relixións tradicionais perden adeptos entre as novas xeracións, seguen a ter un importante papel na nosa vida cotiá: na política, no xeito en que nos relacionamos, nos nosos valores e ata no noso sentimento de culpa.
Por outra banda, debatimos tamén a que se debe o xurdimento de novas crenzas coma o horóscopo ou tarot. Pode relacionarse isto coa necesidade de desenvolver a espiritualidade dun xeito diferente ao que propoñen as relixións maioritarias? Precisamos crear comunidades e sentir que pertencemos a un grupo tamén nun plano espiritual?
Para descubrir a resposta a esta e outras cuestións trascendentais, agardámoste neste episodio... Se Deus quere (ou non!).
Dec 16, 202101:11:17
S02E11: Maternidade 🤰

S02E11: Maternidade 🤰

TW: Gravidez, parto, violencia obstétrica, morte perinatal, ideacións suicidas.

Neste episodio, a xornalista (e nai) Sonia Díaz fai fronte común coa nosa mamá residente, Saboridinha para falarnos dos seus motivos para seren nais e comentar tamén outros que se repiten na sociedade. A Sonia explícanos o xeito en que o corpo da nai xestante deixa de pertencerlle a ela mesma, que se torna unha actriz secundaria, sometendo cada decisión sobre o seu corpo á opinión e ao xuízo de todo o que pasa e sufrindo unha infantilización permanente. Comentamos tamén a romantización da maternidade e escoitamos anécdotas sobre a gravidez, o parto e o puerperio de ambas as dúas nais. Non perdades este episodio feito con tanto AMOR DE NAI!

Dec 09, 202101:43:14
S02E10: Consumismo 🛍️

S02E10: Consumismo 🛍️

Compras, consumismo e capitalismo. Neste episodio fixemos exame de consciencia e até confesamos as nosas adquisicións máis inútiles. Concluímos que todas as nosas compras están arrodeadas de certa parafernalia que nos incita ao consumismo, a comprarmos produtos que poucas veces necesitamos, a que a nosa autoestima creza pola falsa sensación de exclusividade que nos dan as marcas.

Estamos a romper os marcos do capitalismo con novas formas de consumo? Aquel tabú de usar pezas de roupa xa usadas está a esvaecer? falamos das tendas de segunda man, debatemos sobre a calidade dos produtos e os tamaños que ofrecen. Comentamos tamén a posibilidade recente de alugarmos a roupa por uns meses e así termos a opción de variar, tal e como as marcas exclusivas levan a facer sempre.
Por outra parte, o mundo virtual parece que se presenta como unha alternativa para un consumo máis consciente. Existen apps de venda de produtos de segunda man, algunhas até focadas nas roupas, e hai outras de aproveitamento de alimentos de restaurantes e supermercados. Con todo, isto non deixa de ser unha espada de dous gumes se pensamos nos envíos de lugares afastados, na publicidade personalizada, na fast-fashion e na pegada de carbono. Achar o equilibrio non parece estar fácil.

Comprométeste connosco a mudar os teus hábitos? Acepta o desafío e escóitanos.

Dec 02, 202101:20:04
S02E09: P👁️RN👁️

S02E09: P👁️RN👁️

Canto porno consumen as crianzas e adolescentes? Que visión do sexo e do corpo das mulleres ofrece a pornografía? Pode existir un porno feminista?
Perpetuación de roles, clasificacións, etiquetas, amplificación de abusos sexuais: discutimos estes temas e outros máis con Hadriana Ordóñez, psicóloga e educadora sexual.
Nov 25, 202101:22:09
S02E08: carne 🥩

S02E08: carne 🥩

Cal é a relación entre os atributos da masculinidade clásica e o consumo de carne? Que vínculos existen entre o machismo anti-tofu e os rituais que rodean o churrasco? Por que os cuñados se converten inmediatamente en nutricionistas na presenza dunha persoa vegana?

Martinha Almôndega, a nosa convidada, acompáñanos polas profundidades abisais do mundo carnívoro e ilumínanos tamén sobre as súas experiencias como muller vegana.

Nov 18, 202101:28:16
S02E07: Natural🌿

S02E07: Natural🌿

No episodio desta semana das Womansplainers, con Marilar Aleixandre do noso lado, introducimos o tema do “natural” desde varias perspectivas. Caseiro, artesán, sen químicos... Durante anos a publicidade ten mostrado estas cartas como reclamo. Será que todo o non procesado é necesariamente bo?

Teñen as mulleres reservados unha serie de deberes naturais?

Existe unha maneira natural de criar? se así fose, estaríamos tamén a afirmar que debe haber un modo artificial de facelo.

Nesta programa as Womansplainer explicamos cousas con toda naturalidade.

Nov 11, 202101:36:45
S02E06: Animais de estimación 🐶

S02E06: Animais de estimación 🐶

No estado español hai 13 millóns de mascotas. A maioría son cans, pero o máis sorprendente desta cifra é que supera o número de crianzas menores de 15 anos.
Neste episodio acompáñanos
Iris Gestoso, bióloga, vexetariana e a maquilladora máis riquiña do TikTok en galego. Coñecemos as razóns que levaron a Iris a decidir apostar polo vexetarianismo e tamén o seu punto de vista sobre o que implica convivir con animais de estimación.
Aprendemos como algúns animais se converteron en compañeiros pola súa evolución da man dos seres humanos. Falamos das nosas mascotas, dos vínculos afectivos que se poden xerar cara a elas e tamén analizamos como pode afectarlles a humanización á que algunhas veces son sometidas.
Por outra banda, debatemos acerca dos problemas de convivencia que poden xerar os animais nas cidades, tales como o ruído ou a acumulación de excrementos en zonas coma parques ou beirarrúas. 

Nov 04, 202101:23:18
S02E05 (II): Defuntas II. Aínda máis defuntas. 🎃

S02E05 (II): Defuntas II. Aínda máis defuntas. 🎃

Na segunda parte do episodio desta semana, falamos dos saberes máxicos de meigas e compoñedoras, de como actuaban con frecuencia en conivencia coa Igrexa ou de como "sacaban o aire".
Tamén levamos as nosas ouvintes de viaxe polo país e por Europa para lles falar dos nosos cemiterios preferidos, aqueles con quen estamos unidas por experiencias persoais ou filias literarias.
Por último, recomendámosvos poemas, novelas, ensaios, filmes, series e mesmo algunha excursión para aproveitardes ao máximo a atmosfera arrepiante dos días de Santos e Defuntos.
Oct 31, 202157:20
S02E05: Defuntas I. A maldición as bruxas 🧙🏻‍♀️

S02E05: Defuntas I. A maldición as bruxas 🧙🏻‍♀️

Na primeira parte do episodio dobre desta semana, as Womansplainers discutimos as tradicións e os nomes do Samaín e dos Días de Santos e Defuntos, de como chegaron a nós estas tradicións e como vemos a súa evolución na sociedade galega e a chegada das influencias anglosaxonas a estas festas. Este é un día para falarmos do divino e do humano, da nosa relación coa morte e coas mortes. Falamos de cabazos, de aparecidos e doutras cousas sinistras.
Tamén discutimos forte sobre as bruxas, sobre a súa reivindicación como figuras reais por parte das feministas máis inclinadas ao misticismo e o contraste desta idea coa imaxe da bruxa como construción histórica da sociedade precapitalista nos escritos de Silvia Federici.
Por último, achegámonos á nosa propia relixiosidade -á herdada e a novas formas de espiritualidade e superstición como o horóscopo, que están a gañar forza e popularidade entre as xeracións de mulleres máis novas.
Oct 28, 202101:03:55
S02E04: Tindersplaining 🔥

S02E04: Tindersplaining 🔥

TINDERSPLAINING, as Womansplainers explican o Tinder.
Xornadas laborais interminábeis, emigración ou mesmo unha pandemia son factores que agravan a sensación de incomunicación e soidade. Cada vez é máis complicado encontrar novas amizades, por non falar de relacionamentos máis ou menos profundos. En 2020 o planeta decidiu ir a outro ritmo e o confinamento disparou o número de adhesións a apps de encontros: para moitas persoas coñecer alguén grazas a un algoritmo xa non era unha opción, convertíase na única vía.
Neste programa abordamos o tema desde a curiosidade de quen nunca usou estas aplicacións e a experiencia persoal de algunhas de nós. Comezamos o episodio cos conceptos máis básicos sobre o Tinder: deslizar para a esquerda/dereita, facer un match, crear unha biografía con fotos e colocar preferencias ou comezar un chat. Unha vez feita esta guía para iniciantes, comentamos os motivos que se poden ter para instalalo. A evolución e abandono de certos prexuízos sobre termos encontros a través desta ferramenta é un tema de fondo, sen deixarmos de lado a certa indefensión que se pode ter cando falamos e nos encontramos diante dunha persoa até o momento case descoñecida.
Será que unha foto e uns poucos datos poden realmente marcar toda diferenza? o xogo do que nos resulta atraente está tamén moi relacionado con como somos capaces de publicitar o noso atractivo para conseguirmos máis suceso no noso perfil.
Agora que xa temos feita a descrición do capítulo, deslizade á dereita!
Oct 21, 202101:25:41
S02E03 - Colonización 🌎

S02E03 - Colonización 🌎

O día 12 de outubro celébrase no Estado Español o chamado Día da Hispanidade. Co gallo desta efeméride en que nós non temos nada que celebrar, cruzamos virtualmente o Atlántico para falarmos coa Karina Espinoza, historiadora costarriqueña que actualmente reside no México e é unha das neofalantes máis queridas da comunidade galituiteira.
Oct 14, 202101:42:21
S02E02 - Cárceres ⛓️🧱

S02E02 - Cárceres ⛓️🧱

Neste episodio conversamos coa Iris Malvido, psicóloga penitenciaria. Por que acaban as mulleres nos CÁRCERES? Que é un módulo de respecto? Que acontece coas drogradicións e as doenzas mentais nas prisións? Neste episodio haberá resposta para todas estas preguntas e máis
Oct 07, 202101:25:31
S02E01 - Beleza 💄

S02E01 - Beleza 💄

Coincidindo co Día Mundial do Podcasting, as Womansplainers subimos o primeiro episodio desta segunda tempada e estreámonos en luzes.gal
No episodio estivemos a discutir coa escritora Antía Yáñez sobre BELEZA. Falamos con ela sobre os cánones con que medramos, desde a extrema delgadez das actrices das series dos 90 aos peitos enormes -e con frecuencia artificiais- de Baywatch e as presentadoras de televisión daquela época. Debatimos tamén co noso público do Twitch sobre se os rostros e os corpos que vemos no audiovisual actual son realmente cada vez máis diversos ou están pola contra cada vez máis homoxeneizados.
Sep 30, 202101:42:34
S01E19 - P1🍆R0🥒LAS

S01E19 - P1🍆R0🥒LAS

Para rematar a tempada contamos con Susana Reboreda (Decana da facultade de Xeografía e Historia da Univ. de Vigo) e Iria Veiga (psiquiatra e divulgadora científica) para falar de p1🍆r0🥒las.

Jun 28, 202101:45:13
S01E18 - Exposición en redes

S01E18 - Exposición en redes

Que nos acontece nas redes? Que amosamos de nós mesmes e por que? Que tipo de reaccións recibimos e como nos afectan?  Falamos de EXPOSICIÓN EN REDES con xente moza: Ner e Ione


Jun 17, 202101:37:59
S01E17 - Transportes🚍🚅

S01E17 - Transportes🚍🚅

Pasou xa o 4 pola parada? Un percorrido a pé, en bicicleta, autobús, taxi e tamén en coche pola Galicia apenovita e a do interior. Con paradas no acoso sexual e hijuelas e destino final na estación que diga a Marta Veiga Izaguirre.
Jun 10, 202101:42:49
S01E16 - Alimentação🍏🍉

S01E16 - Alimentação🍏🍉

Como é a relação das galegas com a comida? Estamos gordas? Falamos de mudanças de hábitos alimentares, de sentir-nos julgadas pelo que comemos (ou não comemos).
Neste programa não deixamos nenhum tema no prato com @Dietistarealist
Jun 03, 202101:26:03
S01E15 - Avellentamento

S01E15 - Avellentamento

Inexplicabelmente, as Womansplainers tamén nos facemos vellas, mais non tanto como os protagonistas de Friends. Neste episodio, falamos con Teresa Carro de Anaobregonismo, da palabra "señora", das guerra xeracional contra os Boomers, das mellores series con mulleres maduras e vellas, deixamos opinar a Ghanito e podedes oír a Amara roncar no colo da Saboridinha.

May 27, 202101:38:02
S01E14 - Oposicións

S01E14 - Oposicións

Cales son as vantaxes e desvantaxes deste sistema de acceso á función pública? Que opinamos das academias? Como coidar da nosa saúde mental durante a preparación? Ademais, tamén respondemos as preguntas que deixastes no consultorio opositor e desvelamos a fantasía dos carteiristas.

May 13, 202101:40:05
S01E13 - Mulleres e emprendemento

S01E13 - Mulleres e emprendemento

Que dificultades afrontan as mulleres emprendedoras? Agrávase esta situación no ámbito do rural? Como se concilia o emprendemento coa vida personal e familiar?
As nosas convidadas Loaira e Noemi responden estas e outras cuestións no episodio de hoxe.
May 06, 202157:15
S01E12 - BRAGAS!

S01E12 - BRAGAS!

Este novo capítulo vai de bragas (e outros). Vós sodes máis de braga ou de tanga? Suxeitador si ou non? Estivo conversando connosco a Laura Veiga, xornalista e educadora menstrual en Pingando.gal

Apr 29, 202101:03:48
S01E11 - Mulleres e poder

S01E11 - Mulleres e poder

Que fallou na visita de Ursula von der Leyen a Erdogan? Por que hai quen chama presidente a unha presidenta? Que esperamos das nosas líderes?  Falamos de mulleres e poder coa politóloga e ex deputada Luca Chao.

Apr 22, 202156:02
S01E10 - Adiccións

S01E10 - Adiccións

A que son adictas as Womansplainers? Por que desenvolvemos unha adicción? Hai diferenzas de xénero nas adiccións? E como están a mudar estas nos últimos anos? Falamos de todo isto con Carmela @Biochemiss

Apr 15, 202101:05:24
S01E09 - Migracións

S01E09 - Migracións

Neste episódio ouvimos experiências de pessoas migrantes. Como afeta à nossa identidade a migração? Quanto da nossa personalidade é devido ao contacto e observação doutras culturas? Falamos de xenofobia, racismo e inclusão com Jenni e Bea.
Apr 08, 202101:14:42
S01E08 - Saúde mental

S01E08 - Saúde mental

No episodio 08 gravamos coa Súa Maxestade a Raiña Vermella, a nosa psiquiatra de confianza.

O tema foi, naturalmente, a SAÚDE MENTAL.

Apr 01, 202101:13:57
S01E07 T·E·T·A·S

S01E07 T·E·T·A·S

Non finxas que non queres escoitar o programa despois de ler o título.

Mar 25, 202101:03:14
S01E06 Día do pai

S01E06 Día do pai

Antigos e novos modelos de paternidade, dobres estándares de esixencia entre pais e nais, exemplos de bos e malos pais na ficción, señoros que falan do parto da súa parella en primeira persoa e máis

Mar 18, 202153:11
S01E05 8 de marzo

S01E05 8 de marzo

Que significa o 8 de marzo para As Womansplainers?
Como chegamos ao feminismo?
Quen son as nosas mulleres de referencia na actualidade?
Que lecturas, música e filmes nos empoderan?
Mar 08, 202101:01:06
S01E04 Consentimento

S01E04 Consentimento

Serven para algo as apps de consentimento? Edúcasenos ben sobre este tema? Qué opinamos sobre o anteproxecto da nova Lei de Liberdade Sexual? Pódese vender o consentimento? De todo isto falamos, esta semana coa visita da @seicach0ve.
Mar 04, 202155:55
S01E03 Coidados

S01E03 Coidados

Os coidados en tempos de pandemia.
Como están a afectar as circunstancias ás mulleres que coidan? E ao reparto dos coidados entre homes e mulleres?
Falamos de todo isto e doutros asuntos acompañadas por Moraima.
Feb 25, 202151:10