
As Womansplainers
By As Womansplainers

As WomansplainersJul 21, 2023

Rematou a tempada
Que foi do prometido final de tempada das Womansplainers?

S03E25 - Verbenas
As Womansplainers xa estamos co modo verán activado e co comezo da nova estación empeza tamén a tempada de festas e verbenas. Odiadas por unhas e amadas por outras, pero gústennos ou non, parte do noso patrimonio cultural.
Houbo nos últimos anos unha recuperación das verbenas e das sesións vermú como forma de ocio? Que diferenzas atopamos entre as zonas urbanas e o rural?
A música tradicional galega semella que tamén ocupa un oco nas festas patronais de vilas, aldeas e barrios. Cambiou o xeito de facer música tradicional? Está relegada a un plano secundario e a días concretos das romarías, ou aumentou a súa presenza neste tipo de eventos?
Por outra banda, a cuestión de xénero está presente en todos os ámbitos das nosas vida e no caso das verbenas non ía ser diferente. Falamos do rol que representan as mulleres nas orquestras e hipersexualización.
Outro tema estrela que non podiamos deixar fóra é o da xente que está detrás da organización das verbenas: as comisións de festas. Como é no voso concello? Sórtease e a quen lle toca pringar, pringa? Apúntase quen quere? Pagades cota?
Tamén falamos sobre o odio ás verbenas como forma de superioridade moral, a precariedade laboral das músicas, a presenza do noso idioma nestes espazos e moito máis.
Agardámosvos na sesión vermú Womansplainer, non faltedes que pasamos lista!

S03E24 - ABAU
Como un bo Maxibon este episodio tamén ten dúas fases: recolle un antes e un despois de Celtia, unha rapaza que nestes días se someteu ás probas da ABAU. Con ela abordamos cuestións como a de se ten sentido aínda facermos estes exames cada ano ou se facemos isto porque non demos con outras opcións.
2º de Bach é un curso que se centra, as máis das veces, no obxectivo de ir ás ABAU, pero é certo que hai alumnado que non está nestas miras. Como podemos harmonizar todo?
Outro asunto importante é a trasparencia destes exames e o desnivel que se detecta entre as notas do bacharelato e as notas destas probas.
Escoitade este episodio porque nel comentamos con Celtia de maneira integral as nuances deste grande exame, o decisivo que sempre nos parece e a desigualdade que supón ás veces.

S03E23 - Televisión
Como cambiou a nosa maneira de ver a televisión no s.XXI? Son os realities unha forma superior da realidade, como as ideas son ás sombras na caverna de Platón? Quen ve a televisión en 2023 e por que a vemos cada vez menos? Na compaña de Marta Pérez Pereiro, profesora de Cultura Audiovisual, intentamos dar resposta a estas e outras preguntas.
Das antenas parabólicas ás plataformas de streaming, dos programas de información á ficción autoconsciente, da paciencia da carta de axuste ao binge-watching de Netflix -non cambien de canle, porque comezan As Womansplainers!

S03E22 - Intelixencia Artificial
No episodio desta semana acompáñanos a Aida, enxeñeira informática especializada en computación e investigadora de novas tecnoloxías de realidade extendida.
A presenza das mulleres no ámbito da tecnoloxía e da enxeñería continúa a ser moi escasa. A pesar disto, contamos con varias referentes no mundo da informática que realizaron importantes achegas que nos gustaría dar a coñecer.
Por outra banda, Aida explícanos "for dummies" que son as intelixencias artificiais (IA) e que tipos de IA existen.
A aparición das IA supuxo un importante avance tecnolóxico que nos facilita a vida e que xa está presente en moitos ámbitos de uso diario: asistentes virtuais, redes sociais, coches autónomos, ciberseguridade...
Mais cales son os perigos do mal uso das IA? Falamos dos nesgos á hora da súa programación, dos "deep fake", de arte roubada, de estudantes que copian (mal) e de cara a onde debería dirixirse a lexislación nestes asuntos.
Se queredes coñecer máis detalles sobre este tema, acompañádenos no episodio desta semana da man da intelixencia natural da Aida e as Womansplainers!

S03E21 - Música
No podcast desta semana discutimos con MJ Pérez sobre os desafíos específicos que as mulleres encaran ao ingresar no mundo da música, especialmente num contexto como o galego. Destacamos a desigualdade e a falta de representación feminina na industria e festivais, alén da escasa visibilidade que reciben os proxectos musicais con mulleres.
Por outra parte, tamén falamos do fenómeno fan e como iso pode afectar a maneira en que as mulleres somos vistas no panorama musical. Existen prexuízos que operan e que fan que as creadoras musicais sexan frecuentemente tomadas pouco en serio ou infantilizadas.
Que medidas habería que adoptar para equilibrarmos isto? Como sempre, non solucionamos o mundo, pero falamos dabondo. Dade ouvidos ao noso programa!

S03E20 - Bibliotecas
Ser bibliotecaria é o traballo soñado de moitas rapazas e por iso convidamos a Cris García, unha "rock-and-roll librarian", a que nos explique algúns segredos da súa profesión.
A nosa convidada contounos que hai que facer para converterse en bibliotecaria, por que a xente segue a visitar as bibliotecas nuns tempos en que moitas persoas xa teñen bastantes libros sen ler na propia casa (ti tamén, non finxas que isto non vai contigo!) ou como cambiou a pandemia a vida nas bibliotecas.
Quen non entrou algunha vez nunha biblioteca porque na rúa facía moito frío ou moita calor? Quen non levou alí as súas crianzas nunha tarde de chuvia? Quen non namorou (ou quen non o intentou polo menos) nunha biblioteca universitaria?
Contacontos, clubes de lectura, os libros preferidos da terceira idade, unha womansplainer que quedou encerrada nunha biblioteca e moitas dicas culturais.
Shhhhhhh... comeza o episodio!

S03E19 - Series (II)
A pesar da tendencia actual, series con temas totalmente diferentes que marcaron a toda unha xeración de galegas, pouco teñen que ver con esta temática. Por outra banda, que acontece coas series españolas e que dinámicas son as que seguen de xeito habitual?
Aínda que houbo avances moitas das series de moda non pasarían o test de Bechdel. Cambiaron nas series o tipo de papeis con protagonistas femininas? Que ocorre coa diversidade e a inclusión?
Para rematar, compartimos convosco as recomendacións das nosas series favoritas. Toma nota!

S03E18 - Series
As redes sociais tamén trouxeron con elas un novo xeito de ver series en común, creando comunidade arredor delas. Corremos o risco de ler algún spoiler, pero tamén podemos comentar a nosa serie favorita con outras fans.
Coa gran cantidade de plataformas de series dispoñibles na actualiade semellaba que xa estaba todo inventado. Porén, a polémica está servida: causarán os aumentos de prezos de certa plataforma o novo auxe da piratería? Que opinamos sobre isto?
Non perdas o novo episodio (dobre!) das Womansplainers, a vosa serie de referencia onde as señoras opinamos de cousas.

S03E17 - Haters
Son os haters un marcador de éxito ou isto só axuda a crear máis toxicidade en redes? Fomos nós esa hater algunha vez?
Este programa contén dicas culturais e tamén un decálogo de supervivencia.

S03E16 - #8M Celebración?
6 anos despois da primeira folga xeral laboral feminista e tres anos despois de que a dereita acusase o 8M de provocar unha pandemia no Estado español, as Womansplainers repasamos as actividades ao redor do Día Internacional da Muller Traballadora.
Batukadas e gaitas, manifestantes transexcluíntes e a Santa Compaña das defuntas célebres son algunhas das cousas que nos amolan no mes de marzo. Tamén hai institucións que o fan ben e temos, naturalmente, algúns consellos sobre o que poden (non) facer o 8M os señoros en vías de rehabilitación.

S03E15 - Heroes
Que é un heroe? É diferente o concepto do heroe clásico do que temos na actualidade? Están a desaparecer os heroes?
Semella que na cultura galega carecemos destas figuras na súa definición clásica, pode que substituídas pola abundante presencia de mártires. A que se debe isto?
No episodio desta semana, acompañadas pola Rita, falamos tamén dos nosos heroes favoritos e das súas historias. Cales son os teus?
Finalmente, como é habitual, ofrecémosvos as nosas discas culturais preferidas.
As túas heroínas podcasteiras agardámoste!

S03E14 - A idade baixo sospeita (II)
Erraba Castelao afirmando que "Os vellos non deben de namorarse"? Por que ofende tanto que Madonna queira ensinar as tetas ou que as teña ou non operadas? Na segunda parte de A IDADE BAIXO SOSPEITA seguimos a discutir con Teresa Moure o rexeitamento que producen o erotismo e o desexo das persoas máis vellas e das máis novas, a sospeita permanente que sofren as relacións de parella con asimetrías de idade e as mecánicas incel en que caemos as propias mulleres cando sentimos que deixamos de ser percibidas como desexábeis.
Tamén tematizamos a desigualdade do reparto da riqueza por grupos de idade e da discriminación etaria no ámbito laboral, tanto ao entrarmos no mercado e sermos novos de máis, como ao termos unha carreira máis longa e sermos percibidos como "sobrantes".
Todos estes temas e unha chea de dicas culturais, como cada semana, nas Womansplainers!

S03E13 - A idade baixo sospeita (I)
Que é a idade? Que significa e por que hai a quen lle importa tanto? Esta semana discutimos estas preguntas coa lingüista e escritora Teresa Moure co gallo da publicación do seu novo libro "La edad bajo sospecha. Una crítica al edadismo y a las edadofobias".
Poñemos o foco tamén sobre os termos que empregamos para referirnos ás persoas segundo a etapa da vida en que se encontran e sobre a propia necesidade de marcamos límites para definir esas etapas. Ilustramos as diferenzas entre idade biolóxica e idade sentida e desabrochamos os corsés de todas as cousas que se consideran acaídas para unha idade ou outra.
Para as revellas, para os Peter Pans, para as que beberon da fonte da eterna xuventude - velaquí un novo episodio das Womansplainers!

S03E12 - Cabelo
Neste episodio falamos sobre o cabelo entrecruzando este concepto con asuntos históricos e sociais. Nós sabemos que o cabelo non é só un adorno: é unha forma de expresión, de identidade e, ás veces, de autoestima.
A sociedade aínda impón padróns ríxidos de beleza, especialmente para as mulleres racializadas e outras comunidades marxinalizadas. Xunto coa Paula Jorge exploraremos o poder por tras dos nosos cabelos.

S03E11 - Sociolingüística
As tías chulísimas podemos falar do que queiramos (con gheada ou sen ela) e por iso neste episodio, acompañadas da Vera, escollemos un tema que xera amor e odio a partes iguais: a sociolingüística.
Realmente evoluciona o idioma da man das falantes? As instiucións académicas chegan sempre tarde aos cambios lingüísticos xa presentes na sociedade? Ten utilidade o concepto de neofalante? Onde está a fina liña que separa o prescriptivismo e a corrección lingüística? Como tratan os programas de moda este problema?
Para escoitardes as nosas opinións fortes sobre todo isto e máis acompáñanos neste novo episodio das Womansplainers!

S03E10 - Casas
Como viviamos e como vivimos hoxe? Por que cambiaron tanto as nosas vivendas e por que idealizamos a casa tradicional galega? De que falamos cando falamos de feísmo?
Acompañadas pola arquitecta María Novas repasamos as mudanzas nas vivendas, a desaparición das cociñas como corazón da casa onde se vive en comunidade, a aparición dos estudios e dos "tiny homes". Tamén despachamos a gusto contra os erros de deseño e as modas que menos nos gustan nas vivendas actuais: baños sen bidé, illas de cociña, pisos de "concepto aberto"... Pasade, señoras: a nosa casa é a vosa casa!

S03E09 - Fin de ano
Neste episodio falamos coa psicóloga e educadora Hadriana Ordóñez sobre a festa de Fin de Ano.
O dia 31 de decembro é unha data que case nos obriga a facer balances, sair de festa, ter boa disposición e plans para o ano seguinte. Pero… e se algún deses ingredientes falta?
Comentamos a nosa maneira de vivir e enfocar esta festividade con algún conselliño cultural polo medio. Podes oír o episodio entre brilli-brilli ou de chándal. Ti decides!

S03E08 - Agasallos
Por que facemos presentes? Que nos move a facelos e que sentimos ao recibilos?
Como podemos compatibilizar a ilusión das crianzas cunha moderación no consumismo nestas datas? Que consecuencias teñen as historias tradicionais de agasallos só para as crianzas que sexan guiadiñas?
Seguimos facendo agasallos "con xénero"?
Que acontece cando non gusta un presente? Como reaccionamos ou que
podemos facer con el? Cales foron os agasallos máis desexados ou máis ilusionantes da nosa infancia?
De todo isto falamos con Elisa Casal, coñecida polas súas gorentosas receitas do blogue Kukinhas.

S03E07 - Teorías da conspiración
Que son as teorías da conspiración? Existe un determinado perfil de persoa que tende a crer máis nelas? Habitan entre nós os reptilianos? Ou quizáis Hitler pasou pola Galiza na súa fuxida cara á Arxentina!
Para descubrir estes e outros misterios, acompáñanos neste novo e conspiranoico episodio das Womansplainers!
Imaxe do episodio de pch.vector en Freepik

S03E06 - Soidade
Debemos ter medo da soidade? Pode ser ela unha vantaxe? Como lidamos con algunhas das dificultades a ela asociadas?
Escoitade este programa que fixemos con Alva Pico. Pode facervos compañía e levarvos a un lugar aconchegante.

S03E05 - Influencers
Quen merece este nome?
Cantos cartos moven ao ano?
Son falabaratos ou hai traballo detrás deses cartos?
Cal é a fórmula do seu éxito?
Que prezo persoal teñen que pagar?

S03E04 - Outono
A astronomía di que levamos tempo xa no outono aínda que a meteoroloxía cada día mande menos pistas sobre os cambios de estación. Tradicións, lembranzas e dicas, damos a benvida ao tempo do outono na casa das Womansplainers e na túa se queres acompañarnos.

S03E03 - Raiñas
Neste novo episodio, as Womansplainers, acompañadas unha vez máis por Marta Veiga Izaguirre, falamos de RAÍÑAS de todos os tempos e clases sociais, reais e imaxinarias, vivas e mortas, nacidas na nobreza e na escravitude, que reinaron na noite e no papel de colorinchos.

S03E02 - Sono
Esta semana non foi normal. Publicamos algo máis tarde, temos un texto máis breve... Era de agardar, venceunos o sono!
Palabra chave: #sestinder

S03E01 - Amigas 👩🏾🤝👩🏻
Por que precisamos amigas? É verdade que é máis difícil facermos novas amizades na vida adulta? Como mudaron a pandemia e as redes sociais as nosas maneiras de coñecer persoas e de coidar das vellas amigas? Sabemos identificar os sinais dunha amizade tóxica?

S02E39 - C🥯O🦪N🌺A🐚S

S02E38 - Liberdade de expresión 🗣
No episodio desta semana, patrocinado por PuntoGal, veu falar connosco a xornalista e deputada lucense Olalla Rodil.
E que mellor sitio que un podcast onde opinamos forte para falar sobre a liberdade de expresión? Definimos este concepto e falamos de cales son os seus límites. Como lle afecta a lexislación dos delitos de odio? Como cremos que se respeta a liberdade de expresión no estado español na comparativa con outros países? O auxe das redes sociais supuxo a aparición de novos elementos tanto perxudiciais coma beneficiosos para a liberdade de expresión. Como se pode actuar perante a aparición de bots que condicionan as nosas reaccións cos seus chíos? Como se frean os delitos cibernéticos realizados a través de contas anónimas e que criterio segue o algoritmo para suspender unhas contas e non outras? Por último, tratamos o tema da autocensura. Que dis e que non dis cando es unha figura pública? Como afectan as túas opinións á túa vida persoal?
Todo isto e máis no episodio desta semana, coma sempre, sen censura!

S02E37 - Gordofobia 2 🤰

S02E36 - Gordofobia🤰🏻

S02E35 - Visibilidade 🙋🏿♀️

S02E34 - Lingua👅
As Womansplainers somos laretas, lingoreteiras, bilingües, políglotas, filólogas, diglósicas e cunilingüistas. Por todos estes motivos non podiamos deixar pasar o Día das Letras sen facermos un episodio especial sobre #OdoGalego. Na compaña da xornalista do Diario de Pontevedra Chus Gómez Dorrego, discutimos algúns dos temas máis quentes da nosa lingua e volvemos sobre algunhas teimas clásicas arredor dela: Por que dá tanto medo o NH? Podería o binormativismo ser verdadeiramente harmónico nunha situación de desvantaxe institucional como a presente? É o reintegracionismo só unha opción ortográfica? A nosa profesora de portugués residente, a Saboridinha, explícanos estes temas e aproveitamos para recomendar o seu blog a todas as lusópatas. Da man de Chus, revisamos a situación do galego nos medios, a polémica ao redor das subvencións e da porcentaxe de artigos na nosa lingua, o porqué de traduciren ao castelán as declaracións dunhas entrevistas e non doutras ou de aceptaren o galego para o tratamento de determinados temas como os culturais ou festivos, mais non aqueles que se perciben como máis serios. No sector público a lingua debería gozar de maior saúde, mais non é precisamente no mundo da saúde onde a nosa lingua está máis sá, segundo nos explica a Sara, que analiza o clasismo no emprego do galego entre o persoal da Sanidade. No que toca a Educación, as escolas, especialmente as infantís, teñen un peso na desgaleguización que non se pode ignorar. Na educación mallan tamén a Malvada Profe e a Carme, que critican como e que se esina nas materias de Lingua e Literatura Galega e que avalían en realidade os famosos exames CELGA. Falade moito galego e, se non tedes con quen, escoitádenos a nós neste novo episodio que vos trae o patrocinio de Puntogal.

S02E33 - Rexouba eurovisiva🎤

S02E32 - Fútbol ⚽️

S02E31 - Pracer 👄
Na segunda parte deste dobre episodio coa psicóloga e educadora sexual Hadriana Ordóñez, as Womansplainers seguimos a explorar os interrogantes do pracer. Máis de dous milenios de xudeocristianismo impuxeron en nós fortes dicotomías respecto do noso propio pracer: De quen queremos ser, da Eva ou da Lilith? O noso desexo e as nosas necesidades desconcertaron os homes desde entón até o punto de seren medicalizados baixo o paraugas da histeria. Mais non só cousas malas sairon desa diagnose, senón tamén os primeiros vibradores! Outro elemento de emancipación do noso pracer foi poder controlar e evitar a concepción. No entanto, dase o paradoxo de que as mesmas pílulas que nos liberan tamén nos tiran o desexo -só un dos seus moitos efectos secundarios. Non é o único motivo que o fai desaparecer, pois tamén coa idade vai diminuíndo- e non poderá ser iso tamén finalmente unha liberación? Pois en conclusión, o que non debe ser nunca o pracer sexual é obrigatorio. Esa idealización só provoca frustración en moitas parellas convencidas dunha imaxe do amor romántico en que unha parella que se ama moito tamén ten, en consecuencia, moito sexo e moito pracer, materializado finalmente en moitos orgasmos. Alén disto, a obrigatoriedade do pracer, ademais dunha contraditio in terminis, non deixa de alimentar a incomprensión polas persoas asexuais, quizais a parte máis invisíbel e incomprendida do colectivo LGBTQ+. Esperamos que escoitardes este novo episodio que vos trae o patrocinio de Puntogal sexa tamén para vós un pequeno pracer!

S02E30 - Desexo 🥵

S02E29 - Lecer postpandémico🏠🎮🎯🎫

S02E28 - Viaxe de volta🗺️

S02E27 - Viaxe de ida🧳

S02E26 – Machos 👨🏻🧔🏻♂️
Esta semana, o podcast da xente que máis forte opina do Podgalego achégase á figura dos MACHOS, esa especie que está (e que non quere estar) en perigo de extinción. Onde sobreviven os machos? Cales son as súas reservas e cales as ameazas para o seu hábitat? Intentamos definir que é un macho e discutimos por que nos resulta tan doado parodiar os machos españois e de dereitas e tan difícil denunciar os machos de esquerdas: os comumachos, os reintemachos, os dongalizos. Pescudamos tamén nas orixes sociais do macho, na masculinidade tóxica imposta aos homes desde a infancia e nos castigos que reciben cando se afastan do ideal de masculinidade nos seus gustos, nas súas actividades ou en calquera desvío da heterosexualidade hexemónica. Por último, preguntámonos se é posíbel o desenvolvemento de novas masculinidades e que esixen por parte dos homes que se queren afastar da pantalla do macho. Escoitade a boa compaña que tivemos esta semana no novo episodio patrocinado por PuntoGal -e seguide discutindo connosco nas redes!

S02E25 - Casamentos👰🏼👰🏾

S02E24 - Non nais🚶🏽♀️
No episodio das Womansplainers desta semana, patrocinado por PuntoGal, acompáñanos a María Sabucedo, amiga womansplainer na diáspora que vén opinar forte connosco sobre «non nais». O 93,5% das mulleres de menos de 30 anos na Galiza non ten fillos. Ademais, as estatísticas tamén amosan que, no noso país, as mulleres teñen menos fillos dos que desexarían. Moitas mulleres que quererían ter unha crianza non teñen ningunha e outras moitas que teñen unha ou dúas gostarían de ter máis. Os motivos que levan as mulleres a non seren nais son moi diversos: non querer, non poder, precariedade laboral ou a dificultade de acceso a tratamentos de fertilidade, entre outros. Por outra banda, a decisión voluntaria das mulleres que non queren ser nais non adoita ser respectada. Moitas, sobre todo chegada certa idade, mesmo son sometidas a presións sociais para teren crianzas. Son infantilizadas e tachadas de egoístas, recibindo comentarios indesexados que, na maioría dos casos, nin sequera teñen en conta a súa situación vital. Por último, conversamos sobre o dó das «non nais» e as mortes perinatais. O tabú presente ao redor deste tema dificulta a realización dun labor sensibilizador ao respecto e favorece as carencias no sistema sanitario que impiden tratalo correctamente. Agardámosvos, coma cada semana, na vosa plataforma dixital favorita!

S02E23 - Hixiene 🛀🚿
O mundo está cada día máis porco e por ese motivo as Womansplainers decidimos que tiñamos que discutir sobre HIXIENE. Na compaña de Laura Veiga, creadora do proxecto multiplataforma Pingando, e co patrocinio de PuntoGal, traémosvos un novo episodio que cheira que arrecende.
Este é un episodio para racharmos tabús, como o imperativo da ducha cotiá, que pouca xente confesa omitir. É duchármonos decote o que nos distingue dos nosos veciños europeos con sona de menos limpos? Precisamos as adultas, nestes tempos de recibos estratosféricos de auga e de luz, unha ducha diaria? Son bos tanto xabrón e tanta auga para a nosa pel?
A era da pandemia trouxo consigo novos hábitos de hixiene e de hixienización, coas súas inevitábeis fobias e neuroses. Cando e canto sentido ten a desinfección constante de superficies e de mans nos espazos públicos?
Como cada semana, achegámonos ao tema do episodio desde unha perspectiva de xénero: É sabido que as mulleres estamos suxeitas a unhas expectativas de hixiene maiores que as dos homes e que, no noso caso, se fan pasar por hábitos hixiénicos costumes que apenas teñen valor estético. Asimesmo, véndennos como produtos de «hixiene feminina» artículos de drograría pensados para a regra e deseñados desde a óptica de que a menstruación é algo suxo, que debe ser ocultado e disimulado con eufemismos e perfumes. O pracer de se perfumar é outro dos paos que tocamos, porque a colonia pode intentar compensar unha hixiene deficiente ou atacar as pituitarias das veciñas cando a usamos a eito.
Por último, non podedes deixar de acompañarnos na nosa oda e elexía ao bidé, símbolo dunha fenda xeracional e imaxe de postal da hixiene «por parroquias», a hixiene que mellor define o noso territorio!

S02E22 - Medos 😱
O compositor brasileiro Lenine foi capaz de definir o medo «como um laço que se aperta em nós». A escuridade, ratos, cans grandes ou mesmo lugares fechados poden apertar moito máis ese lazo. Neste episodio cada unha das womansplainers soubo explicar os seus principais medos: algúns deles vixentes, outros superados e outros incribelmente herdados do proceso de hominización.
Para desenredarmos ese lazo podemos comezar por considerar cantos deses medos son aprendidos e cantos deles teñen un viés de xénero. Evidentemente, a nosa experiencia vital como mulleres e a educación que recibimos é moi marcante, pero sabemos que hai quen teña medo de que non teñamos medo. É por isto que non podemos obviar a parte lucrativa deste asunto. O medo incrementa a venda de desinfectantes, alarmas, reixas… Estes elementos que se publicitan como protección son, as máis das veces, outro nó que aperta e afoga.
Parece un paradoxo, mais este sentimento pode ter un lado positivo. O medo é capaz de activar mecanismos de defensa, fuxida e superación. Podemos até sentir pracer invocando o medo co visionado dun filme de terror. E de filmes algo sabemos. Este programa, que conta co patrocinio de PuntoGal, non esquece os consellos culturais de costume. Temos orientacións sobre literatura, cinema e música que nos producen esta emoción ou provocan unha reflexión sobre ela.

S02E21 - Entroido 👺
Chegou o momento da sátira, do humor e de botarlle un pequeno pulso ao poder establecido. Como non podía ser doutro xeito, no episodio desta semana co patrocinio de PuntoGal falamos do Entroido. Ás Womansplainers encántanos disfrazarnos. Aínda non sabemos de que nos vestiremos este ano, pero facemos unha recopilación dos nosos mellores disfraces de todos os tempos.
Debatimos sobre como nestas datas segue a ser habitual atopar homes disfrazados de muller e disfraces pensados para mulleres que non deixan de ser hipersexualizadores. Por outra parte, os Entroidos tradicionais da Galiza existen máis alá do clásico "triángulo máxico". En moitas vilas galegas estanse a realizar importantes traballos de recuperación das celebracións populares desta festividade, sen sufriren a masificación e turistificación que se observa nas festas de entroido máis coñecidas a nivel estatal e internacional.
Se algo caracteriza tamén esta época do ano é a abundante diversidade de pratos típicos da nosa gastronomía. Cales son os vosos favoritos? Para rematar recomendámosvos música, libros e viaxes relacionados coa temática entroideira que podedes desfrutar de xeito especial nestas datas.
Viva o Entroido!

S02E20 Síndrome da impostora 🎭
Este mal, que afectaba particularmente a mulleres en posicións de liderado ou con suceso profesional e académico, foi descrito nos anos 70 pola Dra. Pauline Clance, que o identificou coa experiencia psicolóxica de quen teme ser unha fraude intelectual e ser recoñecida como unha impostora. Falamos das nosas propias experiencias, de como e en que circunstancias nos foi infundida esa inseguridade e de persoeiros que teñen falado abertamente de padecela.
Coñecedes tamén a síndrome de Dunning-Kruger, a outra cara da moeda da síndrome da impostora, que afecta principalmente aos homes? Por que a síndrome da impostora afecta desproporcionadamente ás mulleres? E como podemos librarnos dela? Será en verdade unha inseguridade que se cura co tempo? Ou será imprescindíbel deixar de rodearse de cretinos? Axudaravos escoitar este novo episodio das Womansplainers?
Unha semana máis en Luzes, co patrocinio de Puntogal.

S02E19 - Womaniversario: MATRIARCAS 🎂
As Womansplainers demos a nosa primeira volta ao Sol e estamos de parabéns. Quixemos facer un episodio que recollese a nosa esencia e contase coas mellores convidadas, para te agradecer a ti, a ti, todo este tempo connosco. Marilar Aleixandre, Marta Veiga Izaguirre e Antía Yáñez repiten participación e sopran as candeas para destriparmos un dos nosos mitos fundacionais: o matriarcado.
Antes de máis nada, comezamos cunha cuestión técnica nada fútil: cando afirmamos debemos achegar probas. Non son válidos neste episodio argumentos anecdóticos ou impresións. Sendo así, seis señoras e un señoro en vías de rehabilitación tiran de varios fíos neste coloquio. Falamos do que se pode entender hoxe por un matriarcado, a relación das mulleres co poder, coa riqueza e coa familia.
Se nos centramos no caso galego, vemos que este mito foi fortemente asociado a nós. Tentamos desvendar a utilidade desta idea dentro da construción nacional e como ela tamén serviu para desactivar certos avances na loita feminista. Estamos a confundir «matriarcado» con «asunción plena dos coidados»? Ten sentido reivindicar un matriarcado ou falarmos de Matria?
A representación da «matriarca» na pintura, literatura, escultura, cinema e series é igualmente analizada neste programa que, como sabedes, conta co patrocinio de PuntoGal.
En resumo, fixemos unha festa, pero Estrabón non foi convidado.

S02E18 - Arte🎨🖼
No episodio desta semana acompáñanos a historiadora e crítica de arte Natalia Poncela para falarmos dun tema ligado á humanidade practicamente dende os inicios da súa existencia: a arte. A infancia e a creatividade son dous elementos unidos por natureza. Cando somos crianzas debuxamos, modelamos e construímos; mais non todas acabamos sendo artistas ao chegarmos á idade adulta. A presenza da educación plástica e visual na infancia adoita ser superficial e repetitiva, non pretende fomentar a creatividade, senón recrear modelos e parámetros que se avalían como correctos e desexables. Ademais, na primaria e na secundaria estas ensinanzas asúmense como secundarias e prescindibles.
Arredor do mundo das artes visuais contemporáneas existen moitas ideas preconcebidas e os museos especializados nesta área, a pesar de teren habitualmente entrada de balde e mesmo formación para crianzas, están baleiros con frecuencia. No episodio desta semana debatimos o por que desta cuestión e preguntámonos se son precisos máis espazos de divulgación adaptados ás novas plataformas de comunicación. Non sei se nós poderíamos considerarnos artistas do womansplaining, pero podedes facer as vosas valoracións despois de escoitar este novo episodio!
Coa colaboración de PuntoGal.

S02E17 - Exercicio físico 💪

S02E16 - Tindersplaining🔥🔥
Unha das tramas sen pechar das Womansplainers era a participación de Ascárida no programa de Tindersplaining.
Tindersplaining II ten aínda moito para dar: algoritmos, autoestima, Raya ou primeiras impresións.
A colección de matches que recibimos e o feito de ignorarmos quen e cantas persoas nos rexeitan crea unha falsa sensación de éxito. Esta ilusión de aceptación pode influír na nosa propiocepción. Falamos da nota que o Tinder pon a cada perfil e como funciona o seu algoritmo. Voltamos sobre o asunto dos filtros e confesamos cales foron os nosos criterios particulares fora da app. Esas condicións que pomos aproxímannos ao noso ideal ou afástannos dalguén, que sendo oposto ao que procuramos, tamén pode ser a persoa certa?
Sexa como for, neste tipo de apps a primeira impresión parece ter moito valor. A facilidade para coñecer persoas pode vir da man do bodyshaming ou mesmo do ghosting. Imaxinade que encontrades o perfil dunha celebridade? Que faríades? Os ricos deixaron de chorar, porque naceu Raya, o “Tinder dos famosos”. Sharon Stone tamén sente e padece e ti non o sabías.
Escoita o noso programa desta semana, agora coa colaboración de PuntoGal.