
Violentos Anos Vinte
By Violentos Anos Vinte

Violentos Anos VinteMar 29, 2023

Ep. 08 - DIY, autoxestión e autoprodución
O Do It Yourself (DIY) aplicado á música fala de que a artista asuma, en maior ou menor grao, o proceso de creación. Pero sobre todo ten que ver coa creación á marxe da industria mainstream e das grandes disqueiras, coa independencia coma un fin e non un medio. A forma máis intuitiva sería a de traducila como "faino ti mesma", pero a que máis se achega á realidade é "facédolo vós mesmas", pola idea do colectivo que tamén vai pegada ao DIY.
É complicado separar o que é ou non DIY en Galicia por ser a nosa unha cultura non hexemónica e sen apenas infraestrutura propia. Por iso, invitamos a dúas persoas que defenden e se sinten identificadas co que é un xeito de facer as cousas: Adán Canda (Lamprea Explosiva) e Daniel Valcárcel (Aeronave Adolescente). Berto acompáñanos no estudio para unirse á conversa.

Ep. 07 - Novo pop galego
00:02:45 - Estado da cuestión
00:14:37 - Entrevista
00:43:54 - Conversa

Ep. 06 - O rock en Galicia
Isto vai sobre rock: sobre se é principalmente unha cuestión de actitude, sobre se pode haber rock sen guitarras e, o máis importante, sobre se realmente segue vivo o rock. Conversamos e compartimos impresións arredor destas cuestións con Isa Cea, vocalista e baixista en Triángulo de Amor Bizarro; Samuel González, vocalista e guitarrista en The Rapants, e Óscar Revillas, vocalista e baixista en Copa Turbo.
Esa é a teoría. Na práctica, atópamonos fronte ao episodio máis caótico dos Violentos Anos Vinte. Desconéctase un micro pola emoción desatada en plató, Isa despídese en directo (e non porque a tratásemos mal!) mentres decidimos que facer cos 15 minutos que nos quedan e o episodio á metade... Nunca un guión se sentiu tan ignorado. Ah! E, por suposto, o noso colaborador Nuno Pico está de volta. Puro rock.
00:02:09 - Estado da cuestión
00:17:00 - Entrevista
00:58:58 - Despedimos a Isa e intentamos manter unha conversa
01:08:29 - 'Saber vivir' con Nuno

Ep. 05 - Clubbing e experimentación na electrónica
É momento de falar da música que só se experimenta unha vez, da que vive fóra das plataformas e existe para que os corpos bailen: a que vive no club. Esta cultura, asociada a diferentes estilos dentro da electrónica, tamén vive nas discotecas de Galicia maiormente grazas a acción dos colectivos que a impulsan, como Malfario, Flux ou Chalana/Apnea. Sentamos con tres persoas que ben coñecen o que acontece no espazo nocturno galego: Russ, Juait e Crnds. Elus, ademais, comparten o seren produtoras da súa propia música, que tende á experimentación dentro do amplo caixón que comprende a electrónica.
00:02:44 - Estado da cuestión
00:16:52 - Entrevista a Russ, crnds e Juait
00:46:04 - Conversa

Ep. 04 - A escena musical de Vigo
A Movida dos 80 opacou a imaxe da produción musical en Vigo durante décadas e a súa lembranza quedou arraigada como unha pantasma. Pero a alguén lle importa a Movida en 2023? Xuntámonos con Yago Guirado (Kings Of The Beach), Denis Carballás (The Riggos) e Tania Prieto (Dalsi) para demostrar que a actividade musical da cidade transcende aquel fenómeno que sucedeu hai xa corenta anos. Existe unha escena ou varias? Que papel xogan as salas? Pese ao desmantelamento de iniciativas e a falta de apoio institucional, en Violentos Anos Vinte sabemos que en Vigo se toca e moito.
Ademais, acompáñanos no estudio Nuno Pico para descubrirnos un tema de Jay, unha das bandas máis coñecidas de Vigo e hoxe refundida en Mundo Prestigio; e, por suposto, falarnos das súas lembranzas con eles.
00:03:53 - Estado da cuestión
00:18:27 - Entrevista a Yago Guirado, Denis Carballás e Tania Prieto
00:41:00 - Conversa
00:58:00 - 'Saber vivir' con Nuno

Ep. 03 - Sons e ritmos latinos
Reguetón, cumbia, bachata, merengue... e todo o que algunha vez bailamos nunha discoteca, unha orquestra ou na casa. Desta vez é momento de falar de ritmos que proveñen das culturas latinas, de culturas en principio alleas á nosa; pero que inflúen na nosa música máis recente. Veñen ao estudio Adri, Héctor e Iván de Lontreira para explicarnos como elus incorporan estes sons aos seus temas e, por suposto, para falar do seu primeiro álbum, Apnea. Tamén nos acompaña Berto, experto en materia.
00:02:36 - Estado da cuestión
00:15:32 - Entrevista a Lontreira
00:41:00 - Conversa

Ep. 02 - A renovación da música tradicional
00:02:55 – Estado da cuestión
00:15:43 – Entrevista a Luneda e O Rabelo
00:45:27 – Conversa
01:12:25 – A produción de tradi segundo Berto

Ep. 01 - A música galega alén das fronteiras
Este episodio inaugural dos Violentos Anos Vinte, sobre a música galega alén das fronteiras, é un prólogo do que vén. Por iso, adicamos máis dunha hora a intentar definir esas fronteiras. Cando é unha canción “galega” e cando deixa de selo? Inflúe o idioma na ruptura das “fronteiras”? Como se relaciona a diáspora con todo o anterior? Acompáñanos Xoán Domínguez de Blanco Palamera, dúo compostelán afincado en Madrid, e Cibrán Tenreiro, músico e doutor na Facultade de Ciencias da Comunicación, para conversar sobre estas cuestións. O noso colaborador Nuno Pico descúbrenos un tema feito por un galego emigrado e a historia detrás del.
00:07:58 – Estado da cuestión
00:18:30 – Entrevista a Cibrán Tenreiro e Xoán Domínguez
00:39:47 – Conversa
01:04:45 – Os contos do Nuno

O inicio dos Violentos Anos Vinte
Isto é un podcast sobre música galega. E non calquera música: a dos novos anos vinte, que xa non son felices, senón violentos. Se dos últimos anos vinte nacera a convención do alienante estado de felicidade que marcou a cultura de masas, nos nosos buscamos ser un espello do que está sucedendo ao noso carón: grupos tocando nos locais das nosas cidades e artistas novos creando música na súa habitación. Queremos habilitar un espazo aberto á conversa —sempre pacífica, malia que o título engane— arredor da escena musical galega. Presentado por Celia Eiras, Anxo Fariñas e Daniel Portela e a colaboración dos artistas Grande Amore e Berto. Arrancamos o vindeiro mércores, 15 de marzo, e a partir de aí, cada dúas semanas da man da revista dixital VINTE!