Skip to main content
Spotify for Podcasters
Violentos Anos Vinte

Violentos Anos Vinte

By Violentos Anos Vinte

Isto é un podcast sobre música galega. E non calquera música: a dos novos anos vinte, que xa non son felices, senón violentos. Buscamos ser un espello do que está sucedendo ao noso carón: grupos tocando nos locais das nosas cidades e artistas novos creando música na súa habitación. Queremos habilitar un espazo aberto á conversa —sempre pacífica, malia que o título engane— arredor da escena musical galega. Presentado por Celia Eiras, Anxo Fariñas e Daniel Portela, en colaboración coa revista dixital VINTE!
Available on
Amazon Music Logo
Apple Podcasts Logo
Spotify Logo
Currently playing episode

Ep. 06 - O rock en Galicia

Violentos Anos VinteMay 24, 2023

00:00
01:14:51
Ep. 08 - DIY, autoxestión e autoprodución

Ep. 08 - DIY, autoxestión e autoprodución

O Do It Yourself (DIY) aplicado á música fala de que a artista asuma, en maior ou menor grao, o proceso de creación. Pero sobre todo ten que ver coa creación á marxe da industria mainstream e das grandes disqueiras, coa independencia coma un fin e non un medio. A forma máis intuitiva sería a de traducila como "faino ti mesma", pero a que máis se achega á realidade é "facédolo vós mesmas", pola idea do colectivo que tamén vai pegada ao DIY.


É complicado separar o que é ou non DIY en Galicia por ser a nosa unha cultura non hexemónica e sen apenas infraestrutura propia. Por iso, invitamos a dúas persoas que defenden e se sinten identificadas co que é un xeito de facer as cousas: Adán Canda (Lamprea Explosiva) e Daniel Valcárcel (Aeronave Adolescente). Berto acompáñanos no estudio para unirse á conversa.

Jun 21, 202301:13:30
Ep. 07 - Novo pop galego

Ep. 07 - Novo pop galego

Quedou ben claro que nos gusta transitar as ambigüidades. É momento de abrir o gran caixón de xastre dos xéneros (e iso que hai moitos!): o pop. Por iso, invitamos a tres persoas que pouco teñen que ver entre elas -musicalmente falando-, pero que se gardan baixo este paraugas na que todo cabe: Mariagrep, Elba e Maiko Leinad. Con elas preguntámonos que dinámicas observan dentro da escena galega, se hai pop no underground e como se presenta a misoxinia e a cisheteronormatividade. Esta vez sen colaboradores na mesa.

00:02:45 - Estado da cuestión
00:14:37 - Entrevista
00:43:54 - Conversa
Jun 07, 202359:34
Ep. 06 - O rock en Galicia

Ep. 06 - O rock en Galicia

Isto vai sobre rock: sobre se é principalmente unha cuestión de actitude, sobre se pode haber rock sen guitarras e, o máis importante, sobre se realmente segue vivo o rock. Conversamos e compartimos impresións arredor destas cuestións con Isa Cea, vocalista e baixista en Triángulo de Amor Bizarro; Samuel González, vocalista e guitarrista en The Rapants, e Óscar Revillas, vocalista e baixista en Copa Turbo.

Esa é a teoría. Na práctica, atópamonos fronte ao episodio máis caótico dos Violentos Anos Vinte. Desconéctase un micro pola emoción desatada en plató, Isa despídese en directo (e non porque a tratásemos mal!) mentres decidimos que facer cos 15 minutos que nos quedan e o episodio á metade... Nunca un guión se sentiu tan ignorado. Ah! E, por suposto, o noso colaborador Nuno Pico está de volta. Puro rock.


00:02:09 - Estado da cuestión

00:17:00 - Entrevista

00:58:58 - Despedimos a Isa e intentamos manter unha conversa

01:08:29 - 'Saber vivir' con Nuno


May 24, 202301:14:51
Ep. 05 - Clubbing e experimentación na electrónica

Ep. 05 - Clubbing e experimentación na electrónica

É momento de falar da música que só se experimenta unha vez, da que vive fóra das plataformas e existe para que os corpos bailen: a que vive no club. Esta cultura, asociada a diferentes estilos dentro da electrónica, tamén vive nas discotecas de Galicia maiormente grazas a acción dos colectivos que a impulsan, como Malfario, Flux ou Chalana/Apnea. Sentamos con tres persoas que ben coñecen o que acontece no espazo nocturno galego: Russ, Juait e Crnds. Elus, ademais, comparten o seren produtoras da súa propia música, que tende á experimentación dentro do amplo caixón que comprende a electrónica.


00:02:44 - Estado da cuestión


00:16:52 - Entrevista a Russ, crnds e Juait


00:46:04 - Conversa

May 10, 202301:10:15
Ep. 04 - A escena musical de Vigo

Ep. 04 - A escena musical de Vigo

A Movida dos 80 opacou a imaxe da produción musical en Vigo durante décadas e a súa lembranza quedou arraigada como unha pantasma. Pero a alguén lle importa a Movida en 2023? Xuntámonos con Yago Guirado (Kings Of The Beach), Denis Carballás (The Riggos) e Tania Prieto (Dalsi) para demostrar que a actividade musical da cidade transcende aquel fenómeno que sucedeu hai xa corenta anos. Existe unha escena ou varias? Que papel xogan as salas? Pese ao desmantelamento de iniciativas e a falta de apoio institucional, en Violentos Anos Vinte sabemos que en Vigo se toca e moito.

Ademais, acompáñanos no estudio Nuno Pico para descubrirnos un tema de Jay, unha das bandas máis coñecidas de Vigo e hoxe refundida en Mundo Prestigio; e, por suposto, falarnos das súas lembranzas con eles.

00:03:53 - Estado da cuestión

00:18:27 - Entrevista a Yago Guirado, Denis Carballás e Tania Prieto

00:41:00 - Conversa

00:58:00 - 'Saber vivir' con Nuno


Apr 26, 202301:09:54
Ep. 03 - Sons e ritmos latinos

Ep. 03 - Sons e ritmos latinos

Reguetón, cumbia, bachata, merengue... e todo o que algunha vez bailamos nunha discoteca, unha orquestra ou na casa. Desta vez é momento de falar de ritmos que proveñen das culturas latinas, de culturas en principio alleas á nosa; pero que inflúen na nosa música máis recente. Veñen ao estudio Adri, Héctor e Iván de Lontreira para explicarnos como elus incorporan estes sons aos seus temas e, por suposto, para falar do seu primeiro álbum, Apnea. Tamén nos acompaña Berto, experto en materia.

00:02:36 - Estado da cuestión

00:15:32 - Entrevista a Lontreira

00:41:00 - Conversa

Apr 12, 202359:32
Ep. 02 - A renovación da música tradicional

Ep. 02 - A renovación da música tradicional

No segundo episodio de Violentos Anos Vinte ollamos cara a renovación da música tradicional nas súas múltiples formas. Está o tradi de moda? Como se combina o folk con outros estilos? Cal é o rol da propiedade intelectual nas cancións populares? Acompáñanos no estudo Aitana Cuétara, responsable de Luneda Producións e a cooperativa cultural Nave de Lata, e O Rabelo, rapeire e autore do álbum 'Suor', como convidades. Ademais, o noso colaborador Berto Mira debulla a produción de 'LISÍSTRATA' (Fillas de Cassandra) e 'Saco de pulgas' (Mondra).

00:02:55 – Estado da cuestión
00:15:43 – Entrevista a Luneda e O Rabelo
00:45:27 – Conversa
01:12:25 – A produción de tradi segundo Berto











Mar 29, 202301:18:20
Ep. 01 - A música galega alén das fronteiras

Ep. 01 - A música galega alén das fronteiras

Este episodio inaugural dos Violentos Anos Vinte, sobre a música galega alén das fronteiras, é un prólogo do que vén. Por iso, adicamos máis dunha hora a intentar definir esas fronteiras. Cando é unha canción “galega” e cando deixa de selo? Inflúe o idioma na ruptura das “fronteiras”? Como se relaciona a diáspora con todo o anterior? Acompáñanos Xoán Domínguez de Blanco Palamera, dúo compostelán afincado en Madrid, e Cibrán Tenreiro, músico e doutor na Facultade de Ciencias da Comunicación, para conversar sobre estas cuestións. O noso colaborador Nuno Pico descúbrenos un tema feito por un galego emigrado e a historia detrás del.

00:07:58 – Estado da cuestión

00:18:30 – Entrevista a Cibrán Tenreiro e Xoán Domínguez

00:39:47 – Conversa

01:04:45 – Os contos do Nuno

Mar 15, 202301:17:21
O inicio dos Violentos Anos Vinte

O inicio dos Violentos Anos Vinte

Isto é un podcast sobre música galega. E non calquera música: a dos novos anos vinte, que xa non son felices, senón violentos. Se dos últimos anos vinte nacera a convención do alienante estado de felicidade que marcou a cultura de masas, nos nosos buscamos ser un espello do que está sucedendo ao noso carón: grupos tocando nos locais das nosas cidades e artistas novos creando música na súa habitación. Queremos habilitar un espazo aberto á conversa —sempre pacífica, malia que o título engane— arredor da escena musical galega. Presentado por Celia Eiras, Anxo Fariñas e Daniel Portela e a colaboración dos artistas Grande Amore e Berto. Arrancamos o vindeiro mércores, 15 de marzo, e a partir de aí, cada dúas semanas da man da revista dixital VINTE!

Mar 10, 202301:32